O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro Camilo Vila, tende a súa man ó resto de forzas políticas para conseguir que haxa máis Formación Profesional na Limia.
A aposta da Consellería de Educación polos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) ten mellorado tanto a calidade do ensino coma o prestixio social da FP pero deixa tras de si un prezo letal para o rural: a desaparición progresiva da formación profesional.
A oferta formativa é cada ano menor e menos variada, o que lastra as oportunidades laborais e sociais da mocidade limiá, obrigada a moverse para estudar, moitas veces a centos de quilómetros, o que o fai imposible con seguir vivindo aquí ó existir un agravante: a escaseza de transporte público.
Vila defende que “a formación profesional debe atender á realidade local e ser unha ferramenta transformadora polo que é inconcibible que apenas teñamos un ciclo superior e un par de ciclos medios cando a Limia sería o lugar ideal para apostar realmente por un futuro con profesionais formados na rama agraria que garantan o relevo xeracional, por exemplo”. O voceiro nacionalista explica que a Consellería de Educación “discrimina o rural e obvia o potencial que temos no eido do teletraballo e as profesións STEM”.
Unha maior oferta formativa paliaría directamente a carencia de man de obra que ameaza a moitos dos sectores económicos máis relevantes de Xinzo como a construción ou a hostalaría.