A Xunta activa o nivel máximo de alerta por calor no Riós, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita
A montaña de Ourense quedará este martes baixo alerta vermella por calor, segundo a activación do sistema de alertas da Xunta de Galicia a partir das previsións de Meteogalicia e MeteoSalud. Na zona incluída neste nivel de risco atópanse O Riós, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita, municipios aos que se recomenda extremar as precaucións ante o incremento das temperaturas.
A situación estará marcada polo predominio das altas presións e pola entrada de aire cálido procedente do sur da Península. A previsión apunta a ceos despexados e a un ascenso das temperaturas, cun episodio de calor que podería manterse ata o venres, especialmente nas zonas do interior de Galicia.
Ademais da montaña ourensá, a Xunta activará este martes o nivel vermello no interior de Pontevedra, mentres que a zona de Valdeorras permanecerá en nivel amarelo por altas temperaturas.
Ante esta situación, a Secretaría Xeral para o Deporte recomenda evitar a práctica de deporte federado entre as 13:00 e as 17:00 horas, agás no caso dos deportes náuticos e acuáticos. Tamén se pide ás organizacións deportivas que adapten os horarios das probas ás condicións meteorolóxicas de cada zona e adopten as medidas preventivas necesarias.
As recomendacións cobran especial importancia para as persoas que desenvolven a súa actividade ao aire libre, así como para os grupos considerados máis vulnerables: maiores de 65 anos, nenos pequenos, persoas con determinadas enfermidades crónicas, persoas que viven soas e aquelas que residen en vivendas pouco acondicionadas fronte á calor.
Sanidade lembra a importancia de beber líquidos con frecuencia, mesmo sen ter sede, especialmente auga e zumes de froita, e evitar o consumo de bebidas alcohólicas, moi azucradas ou con cafeína.
Tamén se recomenda facer comidas lixeiras, aumentar o consumo de froitas, verduras e ensaladas, vestir roupa lixeira e folgada, utilizar sombreiro, lentes de sol e protección solar e permanecer, sempre que sexa posible, en lugares frescos, ventilados ou á sombra. No fogar, Sanidade recomenda manter as persianas baixadas durante o día e ventilar as vivendas nas horas nas que as temperaturas sexan máis baixas.
As autoridades sanitarias lembran igualmente a importancia de prestar especial atención a familiares, veciños ou persoas maiores que vivan soas, comprobando durante estes días que se atopan ben e que adoptan as medidas necesarias para protexerse da calor.
No caso de sufrir síntomas compatibles cun esgotamento ou golpe de calor, a recomendación é solicitar asistencia médica urxente a través do 061.