Luis Menor reivindica o Couto Mixto como "un dos grandes símbolos" da identidade ourensá | NOTICIAS XINZO
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este sábado na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, no acto solemne de nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios do Couto Mixto, unha celebración organizada pola Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto que reuniu a representantes institucionais, culturais e sociais en homenaxe a un dos espazos históricos máis singulares de Galicia e da provincia de Ourense.
Na súa intervención, Menor destacou que "o Couto Mixto non é só unha curiosidade da historia, senón unha das expresións máis singulares do patrimonio da provincia de Ourense e de Galicia", subliñando que este territorio representa "un legado de liberdade, convivencia e entendemento entre pobos que segue plenamente vixente".
O presidente provincial puxo en valor o papel do Couto Mixto como elemento diferenciador da identidade ourensá, lembrando que durante séculos foi un territorio con características institucionais propias que hoxe constitúe un patrimonio histórico e cultural de enorme valor. "Os pobos que coñecen e valoran a súa historia son tamén os que mellor preparan o seu futuro", afirmou.
Menor reafirmou o compromiso da Deputación coa protección e difusión deste legado, asegurando que a institución continuará colaborando na conservación da súa memoria, no apoio á investigación e na súa promoción cultural. "O patrimonio non consiste unicamente en conservar o pasado, senón en transmitilo ás novas xeracións e convertelo nunha oportunidade para fortalecer a nosa identidade e impulsar o desenvolvemento do territorio", sinalou.
O presidente da Deputación felicitou ás persoas e entidades distinguidas nesta edición como Xuíces e Xuízas Honorarios: a Asociación de Mulleres Rurais A Raia, de Baltar; o fotógrafo Xurxo Lobato; e Marco Franco Neves, en recoñecemento á súa contribución á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e lingüístico vinculado ao Couto Mixto.
O acto contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García; dos alcaldes de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, e de Baltar, José Antonio Feijoo; así como doutras autoridades e numeroso público.
A cerimonia incluíu a tradicional entrada do Arcón da Memoria, a lectura da acta, o nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios, diversas actuacións musicais e, como peche, a introdución dos documentos desta edición no Arcón da Memoria e a interpretación do Himno do Couto Mixto.