miércoles. 09.10.2024

“Non, non foi unha reunión para falar dos eólicos”, aclara José Antonio Feijoo, alcalde de Baltar, despois da súa visita este martes á Deputación Provincial de Ourense, onde se entrevistou co presidente Xosé Manuel Baltar. A Deputación apenas difundiu a fotografía do encontro. 

“Os eólicos non foron un tema a tratar porque eu teño moi claro que o goberno municipal ten que estar co que decidan os titulares dos montes que son os veciños, e podo ter a miña opinión persoal, pero non a vou dicir. Ten que ser o que diga a maioría”, explica o alcalde de Baltar, un dos tres concellos afectados polo proxecto de Greenalia de instalar os polígonos eólicos (en realidade, un só polígono, denuncian ecoloxistas e plataformas veciñais) denominados Lamas de Feás e Lamas II. Contra o primeiro, en exposición pública, se presentaron 1.500 alegacións. Máis de 200 nos Blancos e en Baltar, e máis de 600 en Calvos de Randín, onde a oposición ao proxecto é masiva.

Do que foi a falar Feijoo á Deputación foi dos atrancos que está atopando o Concello de Baltar co organismo de cunca, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. “Unha vergonza”, critica o alcalde máis veterano da Limia. E explica: “Levamos sete anos tratando de sacar adiante o Plan Xeral de Urbanismo do concello, para ter terreos nos que se poidan instalar empresas ou industrias. E está sendo unha odisea. Viaxes e viaxes, consultas, xestións para solucionar detalles técnicos, eliminando barreiras para que a Confederación informe favorabelmente do Plan". 

José Antonio Feijoo afirma que encontrou “boa receptividade” de Xosé Manuel Baltar para botar unha man cos saneamentos e abastecementos pendentes para cumprir coas esixencias da CHMS. Tamén para arranxar estradas e pistas e colaborar na posta en valor do Couto Mixto, unha cuestión que non afecta exclusivamente ao Concello de Baltar e na que Baltar (o presidente) si pode axudar a través de políticas supramunicipais, di o alcalde.

Entre os núcleos que precisan unha intervención urxente no saneamento, José Antonio Feijoo cita Garabelos e Niñodaguia, e lembra que xa se está traballando en Tosende, Meaus e Sabucedo

José Antonio Feijoo atende ao Diario do Limia desde Montalegre (Portugal), até onde viaxou despois da reunión con Baltar para unha xuntanza coa Cámara Municipal lusa. Manteñen, recorda, unha colaboración constante. Hoxe tocan cuestións de intercambio cultural e participación en festexos. “Cada vez que vexo, aprendo algo, son políticos exemplares os portugueses, con moito nivel”, despídese.

NOTICIAS A LIMIA | O alcalde de Baltar transmite ao presidente da Deputación os...