lunes. 07.10.2024

"Os tempos mortos do Führer" é unha webserie satírica de dez capítulos que mostra os momentos máis íntimos de Adolf Hitler, deixando entrever a súa cara oculta e adentrándose nos seus problemas, enredos e situacións cómicas.

Este proxecto estano levando a cabo os alumnos de 2º de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, entre os que se atopa o limián Javier Santana Taboada, integrante de Conxuro Producións, onde desempeña os cargos de responsable de redes sociais, e axudande de produción e de arte. A súa presenza vai ser o que esperte o interese dos residentes da comarca pola serie.

O exército do Führer repleto de limiáns

Entre os seguidores que teñen nas redes sociais destacan Patricia Fernández Santana, veciña de Xinzo e actual presentadora do "Luar" ou a verinense Esther Estévez, do programa "Dígocho eu", e lograron ter algunha que outra interacción co "Land Rober Tunai Show". Hai que sinalar que acadaron medio millar de adeptos, ós que eles mesmos clasifican como o "Exército do Führer", entre os que se atopan diversos personaxes públicos da Limia que os levan apoiando dende os inicios, como é o caso de Ilenia Morales e Noelia Campo, Carmen Rodríguez ou Natalia Álvarez. A maiores disto, a webserie conseguiu cruzar o charco, xa que teñen fans en Brasil, Suiza, Italia, Venezuela, Francia e Rusia.

A rodaxe

Debido á pandemia estanlle xurdindo bastantes impedimentos, pero segundo alega a directora de produción, Elisa, "as dificultades xeran oportunidades". Ela e os seus compañeiros de equipo, Uxía, Gemma, Javier e Antía forman parte da produtora ficticia Conxuro Producións, asumindo este reto con ambicións profesionais, e dispostos a converter a súa idea en realidade. 

A rodaxe de "Os tempos mortos do Führer" estaba prevista para finais de febreiro, pero tivo que ser aprazada por mor das restricións. Isto, lonxe de truncar o desenvolvemento da serie, deulle forzas ó grupo para ampliar os seus obxectivos, tanto á hora de buscar financiación como no traballo de dirección e produción. Deste modo, decidiron gravar un teaser (pequeno adianto do que vai ser a webserie) este mes de marzo, para ter unha primeira toma de contacto e para ensinarlle ó público e ás diversas entidades os avances e a calidade do seu traballo. 

EQUIPO TRABALLANDO-min (2)Parte do equipo durante a rodaxe do teaser. | Foto: cedida.

O elenco e o equipo artístico

O que naceu como un proxecto educativo dun módulo de ciclo, converteuse nunha webserie de factura profesional, contando no seu equipo con grandes nomes do sector. Entre eles está o actor protagonista, Héctor Martínez, colaborador habitual de Sarabela Teatro e participante do filme "Luarada"; de Óscar Doviso. No elenco atópase José Manuel Mao, que ademais de traballar na longametraxe xa mentada, tamén cooperou en "Lavilledieu" e "Un Mundo Feliz", entre outros. 

Dentro do equipo artístico está Elena Seijo, cofundadora de Sarabela Teatro, e que ten unha ampla experiencia tanto teatral como audiovisual, formando parte de producións de ámbito nacional como "Vis a Vis", "La Valla" e, recentemente, "El desorden que dejas". O director de fotografía, Daniel Rodríguez, exalumno do CIFP A Farixa, traspasou as fronteiras coa curtametraxe "Another Luna", de Estados Unidos. O encargado de crear un ambiente acorde á época é Luca Yohan Silva Lamy, quen participou en proxectos como "O que arde", "La que se avecina", "Serramoura" ou "Vivir sin permiso".

IMAXE RODAXE TEASER EQUIPO-minO equipo o día da rodaxe do teaser. | Foto: cedida.

Financiamento

No referido a financiación, os de Conxuro Producións foron bastante ambiciosos, e conseguiron patrocinios como Gadis, Leticia Celaá Beauty Lounge, ou o propio Departamento de Dinamización Lingüística da Farixa, ademais da aportación do propio centro. Outras empresas como Antigüedades Urbano (Ourense) ou o Retiro do Conde (Vilaza) están colaborando directamente no proxecto. A estes apoios pretenden sumar o nome dunha gran marca coa finalidade de cubrir o orzamento previsto, e poder acadar uns estándares de produción dignos dun Mestre Mateo.

 

 

Un anaco da Limia trala serie ourensá que satiriza a vida de Adolf Hitler