jueves. 25.04.2024

Fernando Dopico é o director da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia desde hai 25 anos. Dopico naceu en Ferrol en 1962 e formouse como músico e gaiteiro con Constantino Bellón e Saturnino Beceiro, e despois co Padre Feijoo e con Xoán Bello Mallou en Compostela. Hoxe é un dos tres mestres (xunto a Xoán Losada e Miguel Estévez) da Escola. A próxima madrugada chegará a Strakonice, a 2.500 quilómetros de Xinzo, nun bus da compañía Ruta 72, á fronte da Banda de Gaitas Xinzo de Limia para participar nun gran festival da gaita europea. 


“Strakonice reúne a familia das gaitas europeas, desde a Península Ibérica até os Urais, desde o Báltico até o Mediterráneo. Para facernos unha idea, “Strakonice é o equivalente, a nivel de gaita europea, do que significa o Festival de Lorient para a música celta”, di antes de empezar a viaxe.


Para a Banda de Gaitas Xinzo de Limia, Strakonice é a confirmación como unha das grandes bandas de gaitas do país, “un fito máis, e moi importante”, valora Dopico. A banda que tocou na India hai vinte anos, que tocou en Nápoles e no Vaticano, que acompañou ao gaiteiro asturiano Hevia e fixo xiras por Francia, Alemaña, Portugal... e non puido acudir pola pandemia hai dous anos a Strakonice, debuta esta semana no gran festival europeo.


“Levamos desde xaneiro preparando esta viaxe e este festival, mesmo renunciamos a un convite para ir a Francia este verán e limitamos as saídas a dúas participacións en eventos en Asturias. Preparamos un tradicional checo, que se interpreta con gaitas e tamén se canta, unha peza moi popular alí e que queremos ofrecer como mostra da nosa gratitude”, conta Dopico este luns. 


Ás once da noite está na súa oficina da Escola, enviando os últimos correos, viaxou pola mañá desde Ferrol, o autobús espera na estación de Xinzo. “Non podemos utilizar outro medio polo volume do material que levamos. A verdade é que imos algo xustos de espazo”. A banda estará acompañada por dúas parellas de bailaríns da decana das agrupacións galegas de música tradicional, Toxos e Froles, de Ferrol. Tamén viaxa a alcaldesa, Elvira Lama, que o xoves ten previsto participar con Dopico na recepción institucional no concello de Strakonice.


O festival transcorre entre o xoves e o domingo. Haberá pasarrúas e actuación sobre escenario. Haberá un concerto no castelo da localidade. “Unha marabilla dentro da marabilla que é a Bohemia Oriental”. Haberá grupos e bandas de Bretaña, Inglaterra. Italia, Austria, Bélxica e Eslovaquia, entre os países que lembra Dopico. “Non temos unha programación pechada, e pode acontecer que nos vexamos tocando con outra banda ou con algún dos grupos... sería fantástico tocar cos bretóns, por exemplo”.

As dúas parellas de bailaríns de Toxos e Froles que acompañan á Banda de Gaitas Xinzo de Limia. FOTO Toxos e Froles
As dúas parellas de bailaríns de Toxos e Froles que acompañan á Banda de Gaitas Xinzo de Limia. | FOTO: Toxos e Froles.

A Banda de Gaitas Xinzo de Limia, que naceu en 1989 e empezou a ser recoñecida a principios de século, levará ademais trompeta, saxo e guitarra do Conservatorio de Música de Xinzo. Mais tivo que deixar na casa a algúns músicos que non tiñan os 15 anos cumpridos. A banda, a sección artística titular, compite na Liga Galega de primeiro grao desde o 2000, e xa foi recollendo distincións. Strakonice é un chanzo máis. Un escenario ideal para proxectarse internacionalmente. Pasou no país coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. E Xosé Luis Foxo, o seu director, foi dos que influíu para que Strakonice convidara a agrupación limiá. A oportunidade ben paga a pena dunha viaxe de 30 horas apertados entre instrumentos e vestiario.  

NOTICIAS XINZO | Strakonice consagra a banda de gaitas de Xinzo entre as grandes do país