A Valedora e a alcaldesa inauguran mañá en Xinzo a exposición 'Mulleres símbolo do rural'

AXENDA | Doce vidas exemplares

Un aspecto da exposición que permaneceu dúas semanas na Foxa, en Porqueira. | FOTO: Noelia Caseiro

Para as 18:00 horas de mañá mércores, 30 de marzo, está prevista a apertura na Casa do Concello de Xinzo de Limia da exposición Mulleres símbolo do rural, unha mostra que pon en valor, “dándolle espazo público ás súas contribucións cotiás e históricas en pro da vida no rural galego”, as vidas exemplares de 12 mulleres, un traballo elaborado pola  Escola de Saúde Rural da Limia.


A exposición itinerante, que estivo na Forxa (Porqueira) desde o 16 de marzo, será presentada pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, e a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, xunto á deputada provincial de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, a partir das 18:30 horas no salón de actos da Casa da Cultura.


Tamén participarán da inauguración as creadoras do proxecto, a psicóloga Rosa Trujillo e a coordinadora da Escola, Lola Rico. 


Están convidadas ao acto algunha das protagonistas da exposición, como Matilde Gándara, fotógrafa; Elisa Cadaya, enfermeira; Eva Rodríguez Lama, directora da Casa fogar Antioquía en Xinzo; representantes da asociación de mulleres de Sarreaus; Aurora Dacal, artesá do Obradoiro Arrebol, en Xinzo; e unha filla de Genoveva Vázquez, xa falecida e que era coñecida na Limia como a parteira do pobo. 


Está previsto que o acto remate coa actuación dun grupo de alumnas e alumnos do Grupo Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia