lunes. 07.10.2024

Este venres, sábado e domingo permitiranlle aos veciños e veciños da comarca da Limia gozar dunha gran variedade de propostas culturais para desfrutar do tempo libre.

O venres celebrarase a festa do Magosto en Xinzo de Limia, e na Casa da Cultural da vila presentarase a obra teatral "Invisibles". No mesmo día, o profesor e físico, Paolo Benincasa, impartirá unha conferencia na Arca da Noe de Vilar de Santos; posteriormente haberá un concerto de Magalí Sare & Sebastià Gris -con opción a menú- . 

Durante a mañá do sábado poderase participar nunha andaina contra a violencia de xénero no Concello de Xinzo de Limia. Cara á tarde terá lugar o "Festival de Corais", encadrado dentro do programa "Novembro Musical" da Agrupación Musical da Limia.

O domingo A Arca da Noe voltará a ofrecer un concerto con opción a cea, neste caso a invitada será Vanesa Muela .

-Venres día 12:

Despois de non poder celebrarse o ano pasado a festividade do Magosto, o Concello de Xinzo de Limia sí que poderá festexar este 2021 a tan ansiada troula de outono. O seu carácter será un pouco diferente ao doutras edicións, centrandose agora nunha festividade moito máis tradicional, con actividades ao aire libre -e para todas as idades- co obxectivo de poder cumprir coa normativa recomendada polas entidades sanitarias.

Os espectáculos terán lugar, en maior parte, na praza Xoán XXIII da vila. Ás 16:30 horas da tarde dará comezo a programación cunha serie de xogos populares organizados polo Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. Posteriormente, ás 19:00 horas, haberá unha degustación gratuita do produto estrela da celebración: a castaña. Sobre as 21:30, os artistas, Xisco Feijoó e Artur Puga, amenizarán a velada cunha sesión de música tradicional que leva por nome "Tanxendo en galego". Finalmente, ás 22:30 da noite, dará comezo unha foliada aberta ata o remate da celebración.

Ás 20:00 horas na Casa da Cultura da mesma vila limiá, poderase asistir de xeito gratuito á obra teatral "Invisibles". Unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo no que se relatan casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. A representación contará coas actuacións de Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez.

Na Arca da Noe do Concello de Vilar de Santos, sobre as 20:30 da noite haberá unha conferencia do investigador e profesor en física teórica, Paolo Benincasa. A charla leva por nome "O cabalo esférico e o Cambio Climático", e nela falará da evolución do quencemento global e das súas consecuencias na climatoloxía. Posteriormente, sobre ás 21:30 horas, o dúo de Magalí Sare & Sebastià Gris realizará un pequeno concerto para presentar o seu último disco " A boy and a girl", unha obra que viaxa a través da experimentación e mestura do folklore coa música clásica.

Para asistir ao concerto deberase reservar entrada previamente chamando ou escribindo ao 699 48 62 82. Por 20 euros inclúese cea -focaccia italiana, sopa, carne ao caldeiro e castañas- e acceso libre ao concerto, tamén se poderá asistir á actuación sen menú por un prezo de cinco euros.

-Sábado día 13:

O Grupo de Desenvolvemento Rural Limia - Arnoia, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia organizará na vila unha andaina contra a violencia de xénero. A iniciativa leva por lema a frase "Non peches os ollos" e anunciará a chegada do día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A camiñada iniciarase ás 10:30 horas da mañá na praza Carlos Casares e consistirá nun percorrido circular de tres kilómetros totais de traxecto -aproximadamente unha hora de duración- . Ao final da sesión procederase á lectura do manifesto do día 25 de novembro e convidarase aos participantes a unha taza de chocolate quente. Poderanse inscribir persoas de todas as idades escribindo ao correo electrónico i[email protected], ou ben chamando ao 988 688 799.

Sobre as 17:00 da tarde, na Igrexa Vella de Xinzo, continuarase coa programación do "Novembro Musical", unha serie de actuacións musicais organizadas pola Agrupación Musical da Limia que terán lugar durante os tres primeiros sábados de novembro.

Nesta segunda semana realizarase a primeira edición do "Festival de Corais", xuntanza que terá como protagonista ás voces dos músicos e músicas invitados do Orfeón Caldelas, do Orfeón de Trivés e da Coral Santa Mariña.

-Domingo día 14:

A Arca da Noe contará coa presenza da cantante e multiinstrumentista de música tradicional, Vanesa Muela ás 19:00 da tarde. A invitada presentará nos seus temas as experiencias recollidas a través do contacto con persoas de avanzada idade, co obxectivo de voltar a revivir as memorias e recordos da música máis popular e ancestral.

Para asistir ao concerto deberase reservar entrada chamando ou escribindo ao 699 48 62 82. Por 20 euros inclúese unha cea especial de costeleta de tenreira con ovo, patacas e castañas, xunto ao acceso libre ao concerto. Tamén se poderá asistir á actuación sen pedir menú por un prezo de cinco euros.

AXENDA | Unha fin de semana para non parar na Limia