viernes. 19.04.2024

O que comezou sendo un monográfico sobre os traballos de arqueoloxía en Ourense desde 1920 como homenaxe á revista Nós acabou converténdose nunha triloxía polo volume e a importancia das investigacións, segundo explicou esta mañá Xulio Fernández, director da revista Raigame, na presentación na Deputación da segunda entrega da serie, que supón o número 46 de Raigame

Neste número, Raigame recolle estudos do castelo da Piconha en Calvos de Randín, e do campamento romano do Alto da Raia, tamén en Calvos, así como un traballo sobre os castros na Limia alta.

Xulio Fernández, que estivo acompañado polo vicepresidente provincial, César Fernández, e polo secretario da publicación, Javier Álvarez, sinalou que esta triloxía tivo como punto de partida a celebración en 2020 no centenario da revista Nós, “pero iniciados os primeiros pasos démonos conta de que estabamos a traballar sobre un labor con anos de historia realizado por un grupo moi numeroso de investigadores e arqueólogos ourensáns”.  

O número inclúe ademais traballos sobre os fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial; o castro de San Cibrao de Las e o parque arqueolóxico da cultura castrexa en San Amaro; o castro da Cerdeira en Allariz; as orixes da vila de Celanova;  e os campamentos romanos de Penedo dos Lobos (Manzaneda), Cabeza de Pau (Petín), Lomba do Mouro (Verea), Chaira da Maza (Lobeira), Outeiro de Armás (Verín), e o Castelo no Carballiño

Os responsábeis indicaron que xa están a traballar no terceiro volume da triloxía que se publicará no mes de decembro, aínda que con anterioridade, en maio, sairá á luz un monográfico sobre o poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. 

CULTURA | O segundo monográfico de "Raigame" sobre arqueoloxía inclúe traballos do...