martes. 10.12.2024

O concelleiro de Cultura de Xinzo de Limia, Ramiro Rodríguez (BNG), atende ao Diario do Limia o luns ao regreso do seu traballo en Ourense. O día anterior rematou o Entroido 2022, o Entroido-en-covid, un ano excepcional no que o goberno municipal e a Comisión do Entroido decidiron manter o ciclo completo, mais prescindindo dos desfiles, as orquestras e os concertos. Estas son as súas reflexións do resultado:

TEMPOS. Calquera decisión tería sido polémica, habería xente a favor e xente en contra. Iso non nos condicionou. O que tiñamos claro que este ano había que facer o Entroido. Empezamos a preparación máis tarde do habitual porque estabamos esperando a ver como evolucionaba a situación sanitaria. Houbo decisións que se tomaron case no último momento, xusto despois do Nadal.

DECISIÓN. Pero o fundamental acordouse a principios de novembro, na primeira reunión coa Comisión. Faríase o Entroido. Entendemos que había que renunciar a algunhas cousas, como actos masivos, máis problemáticos de organizar e, tamén, de admitir pola maioría da xente, moi preocupada pola covid. 

TRANSICIÓN. O que decidimos foi prescindir das cousas que non son propias do Entroido tradicional. Había que ter o ciclo completo, pero había actividades que, se non se facían, non ían afectar á celebración tradicional. Dalgunha forma, este tiña que ser un Entroido de transición. Un Entroido máis de día e evitando no posíbel os actos masivos. 

AVAIS. A reunión en Xinzo coas organizacións dos entroidos de Laza e Verín a finais de novembro xa nos colleu metidos case no Entroido. Nós tiñamos claro o que había que facer e practicamente non se mudou nada. Pero facelo dun xeito coordinado serviu un pouco para avalar as decisións que se tomaron.

CAMBIOS NO PROTOCOLO. Ao día seguinte daquela reunión a Xunta sacou un protocolo que eliminaba restricións e tería permitido facer unha festa case normal. Pero nós mantivémonos no plan.

ESTRATEXIA. O plan era evitar as concentracións masivas e por iso se prescindiu dos concertos e das orquestras e non se fixeron desfiles. O que si decidimos foi traer ás charangas, e foron unha ferramenta para desconxestionar o centro. Os recorridos eran máis ou menos os de sempre. Pero a idea era que non estivesen paradas e, ademais, que deixasen de tocar ás once. Funcionou.

_DSC4402 (FILEminimizer)
Domingo Corredoiro. FOTO: Noelia Caseiro

HOSTALARÍA. Tamén se decidiu non solicitar a ampliación do horario dos bares. Coa hostalaría falamos antes do Entroido. Houbo o debate sobre se permitir ou non barras fóra. Tiña vantaxes e desvantaxes. Decidimos que non era posíbel, e ademais dispúñamos da ordenanza para aplicar a medida. A hostalaría foi consciente da súa responsabilidade. 

CARPAS. Afortunadamente apenas choveu, porque decidimos non cubrir as prazas con carpas. O protocolo obrigaba a pechalas e facer un control de aforo. Non é viábel. Ía traer problemas. Despois hai cousas coas que non podes loitar, como é o feito de que a xente poida vir cos seus aparatos de música e se poidan quedar na rúa. O que podes facer aí e ofrecer recomendacións, pediuse á xente que se aplicasen a dinámica das charangas, moverse. Creo que se respectou.

O Colgamento do MECO 2022 en Xinzo (33)
O Colgamento do Meco. | FOTO: Noelia Caseiro

SEN PUBLICIDADE. Outra das cousas que tivemos claro desde o principio é que había que reducir ao máximo a publicidade, tanto cara a fóra, como nas convocatorias á propia veciñanza. Faríase o Oleiro ou o Corredoiro, pero sen anunciar horarios nin onde... 

AFLUENCIA. A afluencia foi lixeiramente inferior a outros anos. O Sábado de Entroido, a miña sensación é que houbo menos xente que hai dous anos. A cifra que nos deron dos autobuses é que viñeron mais de 1.100 persoas esa noite.  

OS BUSES DE MONBUS. Hai dous anos xa pedimos que os buses quedaran alá nos institutos. Con Monbus non falamos, pero transmitimos ás queixas á Xunta. Non nos parecía de recibo que nesta situación se dese publicidade con grandes anuncios aos descontos por ter o carné xove, que financia precisamente a Xunta. Os buses ían en contra das medidas que tomamos para evitar a masificación.

Olas 3
Preparativos para o Oleiro no Museo do Entroido. | FOTO: Noelia Caseiro

GRAN SÁBADO. Non houbo incidente grave ningún e as urxencias que se atenderon foron as habituais. O operativo funcionou ben. É cero que a partir dunha hora iso deixa de ser Entroido e convértese noutra cousa... pero en xeral o comportamento da xente foi bo, responsábel. No todo o mundo levaba a máscara. Pero unha semana despois xa non había que traela, segundo o protocolo. Veremos como van os casos, pasou só unha semana desde os días grandes. A subida nos contaxios hanse atribuír ao Entroido. 

O QUE SE PERDEU. Non ter desfiles foi unha desas decisións que se tomaron xa despois do Nadal. Cando a Xunta levantou restricións, houbo quen reclamou que se fixera o desfile do venres, que é moi espectacular, moi colorido. Pero tiñamos todo moi claro e, tamén, que non se ía improvisar. Preparar un desfile non é sinxelo. Mínimo fai falta un mes. Cando falamos cos colexios estabamos na idea de non facelo. Consultouse, e os propios colexios dixeron que o descartaban.

A filosofía un pouco é esta: Intentar fuxir da masificación. Temos un Entroido longo e hai moitos momentos para todo.

O QUE QUEDA. A filosofía un pouco é esta: Intentar fuxir da masificación. Temos un Entroido longo e hai moitos momentos para todo. Tes días moi tradicionais, como O Meco, o Oleiro… e eses fixéronse practicamente igual. Foi un éxito. A xente tiña moitas ganas de Entroido, faltaron catro cousas, pero o resto do Entroido foi normal e tradicional. 
 

NOTICIAS A LIMIA | “As decisións fundamentais sobre o Entroido tomáronse en novembro; e...