jueves. 25.04.2024

Nunha publicación en redes sociais, a Comisión do Entroido de Xinzo expresaba o seu malestar coa decisión da compañía de transporte de viaxeiros Monbus de ofertar unhas viaxes a noite do sábado desde Ourense (e con parada en Allariz) para persoas que teñan a intención de pasar o Sábado de Entroido en Xinzo.


A Comisión pregúntase nesa publicación "que vai facer a xente do entroidobus ata as 6 ou as 8 da mañá [horarios das viaxes desde Xinzo a Ourense]?", e interpelan á Xunta de Galicia, dado que a empresa Monbus "recibe diñeiro público", desde onde din, "pídennos coherencia e sentido común", pero "permiten cousas que non o teñen".


Monbus coñeceu o contido do comunicado pola chamada do Diario do Limia. O departamento de comunicación de Monbus dixo que "a Comisión non se dirixe directamente á nosa compañía, expresa unha opinión que respectamos". Monbus mantén o seu plan de viaxes para este sábado e domingo entre Ourense e Xinzo.


A Comisión insiste na súa publicación en que son benvidas todas as persoas que "que vides a gozar da nosa festa dende o respecto e o civismo", mais temen que nos chamados bus do Entroido poida vir "outro tipo de turismo, o do botellón, o das pelexas, o de consumir fóra e non recoller".

Desde a Comisión, lembraron este xoves que en anos anteriores fixeron peticións para que non se habilitase este tipo de servizos, "pero sen resultado". A Comisión di que "ten claro" que estas viaxes non son necesarias e reiteran que non queren "o tipo de turismo que proporciona o entroidobus".


Monbus anunciou esta semana que o Sábado de Entroido disporá dous servizos especiais directos Ourense-Allariz-Xinzo con saídas ás 22:00 e ás 23:00 horas (con parada en Allariz ás 22:25 e ás 23:25 respectivamente). Tamén haberá viaxes Xinzo-Allariz-Ourense ás 04:00 e ás 06:00 horas do domingo. E ademais manterá os servizos regulares en Ourense e Xinzo, cos horarios habituais de saída desde Ourense (06:15, 13:00 e 20:00 horas) e, desde Xinzo (08:40 horas do domingo).

NOTICIAS A LIMIA | Monbus manterá o bus do Entroido desde Ourense malia queixa da Comisión