viernes. 26.04.2024

Temperaturas de até 12 graos polo día e ceos despexados nunha probabilidade do 55%. Así son as previsións de Meteogalicia para Xinzo de Limia este sábado, 26 de febreiro. Sábado de Entroido, sábado de feira, tamén sábado de ciclismo (fugaz) que atrasará o xantar de moitas e moitos veciños. 

A quenda da Policía Local o gran sábado comezará ás 7 da mañá, e 24 horas despois aínda seguirán de servizo. Son 13 axentes. Todos os dispoñíbeis. Non é a primeira vez que a feira do 27 (que se adianta cando cae a domingo) se adianta ao sábado: aconteceu o ano pasado, pero si é menos común que ademais sexa Sábado de Entroido

A carreira ciclista, O Gran Camiño, pasará por Xinzo de Limia o sábado ás dúas e media da tarde segundo o horario previsto pola organización. Hoxe martes terá lugar a presentación pública do equipo Euskatel Euskadi, con Carlos Canal, veciño de Xinzo, entre os novos corredores. Canal estará no Gran Camiño e vén coa intención de disputar a xeral despois de ser o mellor dos laranxas no Tour de Omán. 

A carreira chegará pola estrada de Vilar de Barrio, fará un xiro á esquerda cara a Baronzás e entrará en Xinzo pola rúa Curros Enríquez. Despois dun paso lento debido ao estreitamento, os ciclistas esprintarán pola avenida de Ourense para disputar a meta voante. O libro de ruta establece a saída en Maceda ás 13:40 horas e o paso da meta voante de Xinzo, no quilometro 33 da etapa, ás 14:35 horas.

Protección Civil disporá 15 efectivos para controlar os cruzamentos, ademais dos 13 axentes da Policía Local. “Nós encargámonos da carreira desde Marcelo Macías até que salga pola N-525 en dirección Ourense”, explican desde a Policía. A seguridade empezará a ocupar os puntos de control a partir da unha e media, e despois das 14:00 horas estableceranse os cortes de tráfico. “Esperamos parar o tráfico entre 12 e 15 minutos en función do compacta que veña a carreira”, din na Policía. 

AgALERIA ENTROIDO (2)
Decoración entroideira nunha casa de Baronzás.

A FEIRA SEN PARTE DOS FEIRANTES

A feira, cando coincide en festas, privilexia ás casetas de atraccións, que xa levan unha semana instalándose en Xinzo. Foron ocupando a parte este do parque do Toural. O pasado día 14, durante a última feira, os feirantes habituais desa zona foron informados das circunstancias do 26. A maioría dos que teñen o sitio ocupado non virán. Non están previstos espazos alternativos. 


No que vai de século a feira do 27 en febreiro coincidiu tres veces en domingo: no 2000, no 2005 e no 2011. No 2000 e no 2011, o 27 coincidiu co Domingo Corredoiro. No 2005, xa era tempo de coresma.

AgALERIA ENTROIDO (8)
Caseta de feira instalada hai unha semana no Toural.

TARDE, NOITE E MADRUGADA

O anuncio de Monbus de que recupera o servizo especial de autobús desde Ourense para o Sábado de Entroido xa estaba previsto no operativo de seguridade que se terminou de deseñar na reunión do venres no Concello de Xinzo. Este sábado a Policía Local cortará o tráfico polo centro da vila a partir das 17:30 horas entre as rúas Dous de Maio e Castelao. Esta previsto que o camión do punto de mando avanzado do 112 quede instalado diante da praza Maior ás 18.00 horas.


As previsións é que a afluencia se incremente a respecto dos tres sábados anteriores, os do Petardazo, o Meco e as Féminas. “Xa se viu bastante xente de fóra este último sábado”, comentan fontes da Policía Local. 


Ademais da Garda Civil e as ambulancias e persoal médico, no operativo que traballará entre as 22:00 horas do sábado e as 06:00 do domingo, haberá persoal da Cruz Vermella e do Centro de Información á Muller. Quen non incrementará a presencia habitual serán os Bombeiros. A garda será ordinaria, con 3 persoas na quenda de noite.

Galería Entroido venres 18. Xinzo. Praza
Mecos nun balcón da praza Maior de Xinzo.

Nalgunhas vivendas, na prazas de abastos e nalgúns establecementos aínda penduran pequenas pancartas chamando á prudencia. “Sentidiño”. A propia alcaldesa segue pedindo que se celebre máis polo día que pola noite. Mais Monbus non desembarcará a primeira remesa de visitantes até as once da noite. Na hostalaría collen folgos para o gran sábado que non se puido celebrar hai un ano. 


“Nós empezaremos antes das oito a pasar pola feira, despois estaremos atentos á carreira ciclista, e despois de xantar estaremos xa preparados para o operativo da noite. Estamos afeitos. O ano pasado só foi unha paréntese”, engaden desde a Policía Local. 

NOTICIAS A LIMIA | A nai de todos os sábados, este Sábado en Xinzo