Martes. 07.02.2023
A empresa engade novos horarios aos habituais desde Ourense e con parada en Allariz

NOTICIAS A LIMIA | Monbus regresa ao Entroido de Xinzo con servizos especiais o sábado e o domingo de madrugada

Monbus entroido oferta viaxe
Promoción na web de Monbus.

O Sábado de Entroido en Xinzo volverá traer xente de Ourense e de Allariz en viaxes en autobús. A compañía Monbus ofrece dous servizos especiais directos Ourense-Allariz-Xinzo con saídas o sábado ás 22:00 e ás 23:00 horas (con parada en Allariz ás 22:25 e ás 23:25 respectivamente).

Para o regreso desde Xinzo, o servizo especial disporá viaxes ás 04:00 e ás 06:00 horas do domingo. Ademais, Monbus manterá os servizos regulares en Ourense e Xinzo, cos horarios habituais de saída desde Ourense (06:15, 13:00 e 20:00 horas) e, desde Xinzo (08:40 horas do domingo).

A empresa de autobuses con sede en Compostela promociona desde hoxe estas viaxes na súa web co reclamo: “Viaja al Entroido de Xinzo en autobús”, e coa imaxe dunhas pantallas

A venda de billetes faise tamén a través da web, e os menores de 21 anos poderán viaxar gratis coa Tarxeta Xente Nova. Ademais, a empresa lembra que Monbus facilita a conexión de Ourense con Pontevedra, Vigo, Lugo, Santiago e A Coruña.

Monbus subliña na súa promoción que o de Xinzo é o Entroido “máis famoso da comunidade e o de maior tradición”.

Nun comunicado emitido durante a fin de semana para dar conta do dispositivo do Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias para este Sábado de Entroido, a alcaldesa, Elvira Lama, animou aos veciños e visitantes a participar no Entroido con responsabilidade e, preferiblemente, durante as horas do día. “Recomendamos que o Entroido madrugue, que se saia á rúa pola mañá, para aproveitar dende as primeiras horas e ata a noitiña. Isto é o desexable”, manifestou Lama.

NOTICIAS A LIMIA | Monbus regresa ao Entroido de Xinzo con servizos especiais o sábado...
comentarios