lunes. 07.10.2024

Sobre a mesa, unhas flores, un trombón, unha gaita e un vello acordeón que trouxo o concelleiro de Cultura. O escenario estaba preparado para un concerto. E houbo guitarra, piano, tambor, gaita, frauta, un chisco de clásica, popular, alguén citou a Cervantes, mesmo a Nietzche ("a vida sen música sería un erro"). E todos esforzáronse en definir a música, un absoluto que só se explica pola súa ausencia: "que sería o Entroido, unha voda, unha procesión de Semana Santa sen música?".


Así falaron a alcaldesa, o concelleiro, Esmeralda Marra, a directora do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo, e Fernando Dopico, o director da Escola de Gaitas na presentación do libro Historia musical de Xinzo de Limia, de Edelmiro Martínez Cerredelo, Miro.


O oitavo libro de Miro Cerredelo, historiador e cronista de Xinzo, estreouse onte no Auditorio diante de medio cento de persoas. Amigos da música, amigos do autor. Foi unha pequena homenaxe a Miro, unha mostra máis de agradecemento ao traballo constante dun investigador que se esforza por atrapar a vida toda de Xinzo (guerra, fútbol, entroido...) para que non se perda o fío. "E veñan outros a continuar o traballo", dixo Martínez Cerredelo a modo de convite e peche.


"Este é o último libro que vou presentar", anunciou Martínez Cerredelo, e despois agradeceu ao Concello, editor da obra, e a todas as veciñas e veciños que lle permitiron escudriñar nas súas historias persoais para ir compoñendo a historia coral de Xinzo.

Presentación do último ensaio de Edelemiro M. Cerredelo (2)
Escenario do Auditorio antes da presentación do último ensaio de Cerredelo.


O libro sobre a música é unha continuación do ensaio sobre o Entroido e un libro de historia contemporánea. "Só polos últimos trinta anos de música en Xinzo, a música merecía ter unha historia". Son 100 anos de intérpretes con sona (Francisco de Limia, gaiteiro; Eulogio Gallego, guitarrista) e tamén mestres que deixaron pegada, o señor Sindo, Rudesindo, a quen lembrou Esmeralda Marra.


"A música enriquécenos como sociedade", dixo o concelleiro Ramiro Rodríguez. E a alcaldesa, Elvira Lama, na despedida, expresou o seu desexo de que esta teima de Miro coa vida pasada e presente da vila continúe e dea máis froitos, novos libros. 

Presentación do último ensaio de Edelemiro M. Cerredelo (5)
Edelemiro M. Cerredelo e a súa dona, xunto á alcaldesa, antes da presentación.

 

NOTICIAS DA LIMIA | Un relato imprescindíbel sobre a música e os músicos que fixeron...