viernes. 19.04.2024

O río Limia traza a ruta da viaxe promocional Descubrindo un destino: Río Limia-Lima, un percorrido a través dos máis de 100 quilómetros do curso que serve como fío condutor para pór en valor esquecidos tesouros patrimoniais e naturais que agochan os municipios limiaos (16 concellos e 4 cámaras) da bacía hidrográfica do río Limia-Lima.


A serie, de 20 vídeos promocionais producida no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Limia-Lima Forgotten Border (Fronteira Esquecida), promove un destino turístico de calidade e sostíbel. 

Desde principios de febreiro, na web https://fronteiraesquecida.eu/ e nas redes sociais do proxecto estanse a difundir as curtametraxes, que comezan polo concello de Sarreaus, no nacemento do río no Monte Talariño, e continúan pola Limia e a Baixa Limia, atravesa raia para, a vista de paxaro, dar a coñecer Arcos de Valdevez, Ponte da Barca e Ponte de Lima, até alcanzar o Atlántico en Viana do Castelo.


O proxecto Fronteira Esquecida ofrece ademais roteiros de senderimos e BTT para gozar da paisaxe da Reserva de la Biosfera Transfronteiriza e subliña espazos de interese cultural como O Couto Mixto ou o xacemento do Aquis Querquennis.


Na pola Limia, o trazado sinala elementos como o Castelo de Sandiás, os Miliarios de Vilariño das Poldras, o Dolmen Casiña da Moura e a Casola do Foxo, en Muíños, entre outros. Nas etapas lusas, tamén repara na Mesa dos quatro abades, no Castelo de Lindoso, e na Citânia Santa Luzia, xa na costa.

monte Talariño, na parroquia de Paradiña do concello de Sarreaus.
Monte Talariño, na parroquia de Paradiña en Sarreaus. | FOTO: destinoriolimialima


Fronteira Esquecida preséntase como "un proxecto de cooperación transfronteiriza que busca promover a eficiencia de recursos, a prevención de riscos e a conservación do medio". Os promotores advirten nas súas presentacións: "Se axuntamos esforzos gañamos todos".

NOTICIAS DA LIMIA | Unha viaxe a vista de paxaro en vinte vídeos para promocionar o río...