sábado. 27.04.2024

A Asociación Civitas Limicorum, entidade que organiza a Festa do Esquecemento, convocou este luns aos seus socios a unha asemblea que se celebrará o sábado 2 de abril. Na reunión, os case cincocentos socios convocados deberán elixir unha nova xuta directiva despois de que a actual, en funcións, veña de presentar a súa dimisión.

Na orde do día da asemblea, que comezará ás 16:30 horas, figuran tres puntos: presentación das contas do exercicio do ano 2021, presentación da carta de dimisión da directiva vixente, e eleccións á nova directiva 2022-2024. Polo momento, non se presentou candidatura ningunha. 

As candidaturas deberán ser comunicadas á actual directiva en funcións antes do día 26 de marzo. "Posteriormente seranlle transmitidas ás socias e socios polas vías pertinentes para que o día 2 se proceda a votación das mesmas", informa hoxe a asociación nun comunicado. 

A intención do presidente saínte, Iván Prado, era ter convocado esta asemblea esta mesma semana. Aínda que faltan uns catro meses para a celebración da seguinte edición da festa, Prado tranquilizou aos socios. “Haberá festa do Esquecemento. Botaremos unha man aos novos se o necesitan”, manifestou nunha entrevista co Diario do Limia hai dez días. 

Ademais de boa disposición por parte dos actuais responsábeis, a nova directiva tamén atopará cartos na caixa, uns 8.000 euros. 
 

NOTICIAS A LIMIA | A Civitas Limicorum elixirá directiva o sábado 2 de abril