viernes. 19.04.2024

“Co gallo de conmemorar o 18 cabodano de Antón Tovar Bobillo, o vindeiro sábado [18 de xuño] ás 11:00 horas, celebrarase un acto na súa lembranza, na súa casa natal da Pereira, en Rairiz de Veiga”, informaron os familiares do poeta limiao, falecido o 15 de xuño de 2004, nunha nota de prensa esta noite.


O acto, indican, consistirá en lembrar a obra do autor a través das voces de escritoras e escritores vivos. Proxectaranse mensaxes audiovisuais e recitaranse poemas dedicados ou relacionados coa propia casa. Ademais, o cantautor valdeorrés Anxo Rei interpretará coa súa guitarra algúns dos poemas de Tovar que musicou no disco A rabela da pluma.


Será un acto con aforo restrinxido porque o estado actual da casa non permite abrila ao público por razóns de seguridade, advirten os organizadores. 


E engaden: “Esta é a razón de que só convidásemos ás e ós representantes políticos da provincia de Ourense. Agardamos contar coa asistencia das/dos portavoces dos grupos políticos da Deputación, amais do seu presidente, coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, cos voceiros dos grupos municipais e cun representante do Museo da Limia”.


Haberá unha visita guiada á vivenda, de máis de 200 anos de antigüidade, espazo que a familia de Tovar propuxo para albergar unha residencia literaria que levaría o nome de Antón Tovar. A familia espera coñecer en breve se a Deputación ou o concello aceptan a proposta de cesión.


O acto servirá ademais para reclamar a dedicatoria ao poeta limiao do Día das Letras Galegas 2023.

NOTICIAS A LIMIA | Familiares de Antón Tovar convocan unha homenaxe ao poeta na súa...