sábado. 20.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia informou este mércores da programación municipal para a celebración do Día das Letras Galegas, o próximo martes, na que este ano réndese homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán. Os actos comezarán o 16 de maio co concerto Limia Máxica na Igrexa Vella e estenderanse ata o día 21 coa representación teatral que leva por título Tras os vieiros de Florencio.


O propio día 17 de maio entregaranse os premios do concurso de narración curta Carlos Casares e proxectaranse vídeos elaborados polos alumnos e alumnas dos CEIP da vila.


O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, explica na nota de prensa que “a intención desta programación é achegar a cultura á rúa e promover a implicación de nenos e nenas para incentivar a lectura, ao mesmo tempo que se homenaxea a Florencio Delgado no Día das Letras Galegas”.


DÍA 16 (luns)
Na Igrexa Vella, a partir das 20:30 horas, celebrarase o concerto 'Limia Máxica', da Agrupación Musical da Limia.


DÍA 17 (martes)
A feira do libro da Praza Maior ofrecerá descontos do 10 % para os exemplares en lingua galega. 

Nesa mesma xornada e no mesmo escenario, ás 19.00 horas, entregaranse os premios do Concurso literario de narrativa curta Carlos Casares, que repartirán case 2.000 euros entre os galardoados para mercar nas librarías da vila. 

Cartel LETRAS 2022
Cartel LETRAS 2022

Seguidamente, proxectaranse vídeos sobre Florencio Delgado, o homenaxeado este 2022, realizados polos alumnos e alumnas dos CEIP de Xinzo.

Ás 20:00 horas, tamén na praza Maior, terá lugar a presentación do libro A revolta da lagoa, de Rafael Laso Lorenzo, ilustrado por Ximena Maier, e que inclúe a proxección do documental Antela, historia dunha desecación. No acto está previsto que interveñan a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, o escritor Miguel Anxo Alonso Diz e o autor da obra.

Nesta data, a Real Academia Galega (RAG) celebrará sesión extraordinaria e pública en Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras, localidadd natal de Florencio Delgado Gurriarán.


DÍA 21 (sábado)
Ás 20:00 horas, a Compañía Fantoches Baj representará Tras o vieiros de Florencio, espectáculo para público adolescente e adulto e parte dun documento excepcional sobre a vida do poeta valdeorrés: a longa entrevista que concedeu a Dolores Pla, en agosto de 1979, na súa casa de Guadalaxara (México). Os textos desta entrevista mestúranse en Tras o vieiros de Florencio cos poemas do autor, os cales xiran arredor de tres eixes: poesía galeguista, poesía festiva e paisaxística e poesía intimista. 

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo comeza o 16 os actos festivos do Día das Letras