jueves. 18.04.2024

A Limia Castrexo-Romana é unha exposición deseñada e elaborada pola historiadora Lucía Martínez que inaugurará os festexos do Esquecemento 2022 o sábado 13 de agosto na Praza Maior. A mostra, que se resolve en cinco paneis e 15 lonas que describen os mundos castrexo e romano e o inicio da romanización no Noroeste da Península, contará ademais cunha revista que amplía a información e que se poderá adquirir xunto co Cómic do Esquecemento.


A Limia Castrexo-Romana, igual que o cómic, fai parte da aposta da Asociación Civitas Limicorum, organizadora da Festa por afondar e divulgar a base histórica e consolidar o carácter histórico e cultural da celebración, que vivirá os seus días grandes o 19, 20 e 21 deste mes de agosto no campamento do Toural e nas rúas e prazas da vila, cos desfiles, as exhibicións, a música e, agora, o relato histórico en formato accesíbel a todas as veciñas e visitantes.


O sábado día 13, a unha semana do inicio do Esquecemento 2022, inaugurarase a exposición que quedará instalada na Praza Maior de Xinzo e que comeza cunha advertencia a respecto da diversidade do mundo castrexo: “Nestas terras límicas e na súa bisbarra, a cultura castrexa, co paso dos séculos, chegou a configurarse como un ente moi plural que nalgúns aspectos pode semellar descoñecido para nós. No seu longo discorrer, xa dende finais da Idade de Bronce, cada pequeno territorio do noroeste peninsular conformarase baixo uns patróns comúns, e mesmo coas súas diferenzas, rematarán artellando durante a Idade de Ferro núcleos de poboación autóctonos moi heteroxéneos”.

A Limia Castrexo-Romana, igual que o cómic, fai parte da aposta da Asociación Civitas Limicorum, organizadora da Festa por afondar e divulgar a base histórica e consolidar o carácter histórico e cultural da celebración.


Sobre o proceso de romanización, a publicación refírese ás guerras lusitanas e celtíberas e explica: “No avance romano cara o interior peninsular, topáronse cunha forte resistencia dos pobos do oeste da península, os latinamente denominados lusitanos. As guerras que se van desencadear son recollidas na ‘Historia Romana’, de Apiano de Alexandría, colección na que dedica un libro completo, o Iberiké. Dende o ano 155 a. C. danse conflitos nestes territorios ante o control que exercían os romanos sobre os pobos veciños. Por un lado, na provincia Ulterior a situación era moi tensa na Lusitania tralas rebelións levadas a cabo anteriormente”.


“É unha historia romana”, concede a autora da exposición e da revista, Lucía Martínez, nunha reportaxe que o Diario do Limia publicará esta semana. “Toda a historia da pre-romanización foi construída polos romanos. Non temos outras fontes, e debemos ter a prevención de saber que estas fontes teñen o seu nesgo”. 


A Limia Castrexo-Romana foi posíbel, subliñan desde a Asociación Civitas Limicorum, grazas ás colaboracións do Concello de Xinzo de Limia, da Deputación Provincial de Ourense e da Xunta de Galicia. Despois de dous anos, a Festa regresa da man dunha nova directiva que pretende reforzar os piares culturais do Esquecemento. A liña está marcada, e este próximo venres, a asemblea da  Civitas Limicorum coñecerá os últimos detalles dunha programación aínda por desvelar.

Cartel da revsita

NOTICIAS XINZO | A Festa do Esquecemento arrancará cunha exposición histórica o sábado...