martes. 16.04.2024

Nunha asemblea celebrada esta tarde na Casa da Cultura, a asociación Civitas Limicorum, organizadora da Festa do Esquecemento, deu por conseguidas as subvencións do Concello de Xinzo (5.000 euros) e da Deputación (13.000 euros). E sinalou que non descarta conseguir algunha colaboración da Xunta de Galicia. 


A directiva da Civitas Limicorum informou aos socios de que xa están pechados os orzamentos para concertos, grupos de ambientación e animación, actividades infantís, espectáculos, decoración e seguridade.

 

Ademais, a intención dos organizadores e repartir as ambientacións polo centro da vila en detrimento do campamento, e utilizar as prazas para obras de teatro, concertos e espectáculos. “Con isto pretendemos que a Festa se mova tamén polas rúas de Xinzo, explicou a directiva.


Na asemblea deste venres, a menos de 100 días para a Festa, tamén estimou que se manterá a venda de rifas, chapas e camisetas, engadindo a maiores carteiras de coiro e sacas de tela, como parte da recadación. “Trataremos de establecer puntos de venda en locais amigos e haberá o habitual posto nas feiras quinquenais do verán, avanzou a directiva.


En canto as redes sociais, aumentaron case un 30% o número de seguidores activos nas canles da asociación. Está en estudo a posibilidade de crear unha páxina web. E xa se editou e maquetou o cómic, inédito, feito anos atrás por Álex. Verá a luz a finais do mes de maio. 


A vindeira semana faranse públicas as bases e a convocatoria para o Macellum, o mercado do Esquecemento. Tamén se anunciou que Carlos Otero será o director da sección teatral, e que nos próximos días difundiranse as instrucións para participar nos cástings de selección.


A cota para asociarse este ano será de 20 euros, a mesma cantidade que en últimas edicións. Será obrigatorio asociarse á Civitas Limicorum para poder participar na Festa do Esquecemento. “E precisamos canto antes unha estimación do número de participantes, subliñou a directiva.

NOTICIAS A LIMIA | A Civitas Limicorum pretende ampliar a Festa do Esquecemento ao...