A Xunta consolida os estudos de galego no Bierzo e Sanabria con 1.207 alumnos
O Programa de promoción do galego nos territorios de Castela e León limítrofes coa comunidade consolida o seu crecemento no curso 2025-2026. Segundo os datos confirmados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, un total de 1.207 persoas están matriculadas nestes estudos de carácter voluntario, o que supón un incremento de 30 alumnos respecto ao período anterior.
Esta iniciativa formativa, amparada nun protocolo de colaboración asinado no ano 2006 entre o goberno castelán leonés e o galego, esténdese por 13 centros de Educación Infantil e Primaria da comarca do Bierzo e un da comarca de Sanabria, que suman 991 estudantes. Tamén se imparten clases en catro centros de Secundaria do Bierzo, con 158 alumnos, e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, con 58 matrículas. Ás horas lectivas únenselle outras actividades extraescolares complementarias como é a organización das XVIII Xornadas Martín Sarmiento, a celebración das Letras Galegas e a viaxe do alumnado participante para coñecer Galicia.
Precisamente, a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, recibiu o pasado 9 de abril no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, a un grupo de 65 estudantes de Primaria procedentes destas zonas. Durante a estadía de dous días, o alumnado participou en visitas culturais e ambientais para reforzar o seu vínculo coa lingua e a paisaxe galega. Unha experiencia que repetirá os días 16 e 17 deste mes o estudantado de Secundaria.
Proxección exterior da lingua
A proxección exterior do idioma sitúase como un eixe estratéxico na renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega. Na actualidade, máis de 4.400 persoas estudan galego fóra da comunidade a través de centros galegos, lectorados en universidades españolas e estranxeiras, e institucións como o Instituto Cervantes. Ademais, a Xunta de Galicia mantén a convocatoria anual dos exames Celga en Ponferrada, onde este último ano se matricularon 637 persoas para certificar as súas competencias lingüísticas, impulsando así o prestixio social do idioma nos territorios veciños.