Xoves. 28.03.2024

Na Casa do Concello de Porqueira tres persoas afanábanse este martes en ordenar e rexistrar as alegacións contra a Liña de Alta Tensión (LAT) de Greenalia que a alcaldesa, Susana Vázquez (PP), empezou a distribuír hai uns días entre as veciñas e veciños de San Lourenzo, Reboreda e Paradela de Abeleda, os núcleos máis afectados, e o resto do concello. Xa van 150, e é un documento de 22 páxinas, o que leu Vázquez diante das asembleas veciñais e que agora empezan a chegar asinadas. 


Na Casa do Concello de Porqueira recibiron tamén esta mañá 125 alegacións recollidas pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova na última semana contra a LAT e contra o polígono eólico da Fontesanta, en Bande, punto final da LAT que partiría desde o polígono de Lamas de Feás. Algúns veciños tamén optaron por este modelo de alegación resumida (dous folios) que condensan os escritos de oposición máis amplos elaborados pola propia plataforma e pola asociación ecoloxista Petón do Lobo.


Á diferencia das alegacións do Concello de Porqueira, que piden unha revisión do proxecto da LAT e abren á porta a unha negociación posterior, os documentos da plataforma esixen á Xunta que rexeite o proxecto (e tamén o do polígono eólico en Bande, que consideran unha parte máis dun macro-parque eólico que iría desde a Aguioncha en Calvos até o Monte da Neves en Celanova seguindo o trazado da liña con 29 aeroxeradores xa en tramitación "fragmentada", denuncian, en catro polígonos).  


A plataforma presentou este martes un total de 725 alegacións nos concellos de Bande (300), Celanova (200), Porqueira (125) e Xinzo (100). Algo máis da metade son escritos contra o proxecto de Greenalia para o Monte Grande, que afecta Bande, Verea e Rairiz de Veiga. A plataforma anuncia que mañá mércores rexistrará tamén alegacións nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos contra os dous proxectos en exposición pública. A plataforma afirma que vai superar as 1.000 alegacións contra estes dous proxectos. Hai un mes, xa reuniron máis de 1.500 contra o plan de Greenalia denominado Lamas de Feás. 


Ademais, de Porqueira, outros tres gobernos municipais dos 8 concellos afectados presentaron xa alegacións contra a LAT, son Verea, Pontedeva e Padrenda, segundo informa Stop Eólicos Xurés Celanova, desde onde se critica a estratexia seguida polos concellos de non ofrecer unha oposición frontal á LAT. O goberno local de Calvos de Randín tamén anunciou a súa intención de alegar contra a LAT.

A plataforma afirma que vai superar as 1.000 alegacións contra estes dous proxectos. Hai un mes, xa reuniron máis de 1.500 contra o plan de Greenalia denominado Lamas de Feás.

Feira 27 luns (27) (FILEminimizer)
En Xinzo, durante a Feira, a plataforma recolleu onte máis de 100 sinaturas contra ambos proxectos.

En Porqueira, as comunidades de montes e as comunidades de usuarios de auga das aldeas de San Lourenzo, Reboreda e Padrenda presentaron hoxe as súas alegacións na Casa do Concello. Tamén en Padrenda haberá oposición á LAT desde a comunidade de montes máis afectada, a da parroquia de Desteriz, que rexistrará un documento de case 200 páxinas. No Concello de Pontedeva, nunha reunión co alcalde a semana pasada, medio cento de veciñas e veciños, deixaron en mans do goberno local o escrito de oposición.


Os afectados directos (comuneiros ou propietarios de terreos), desde Calvos de Randín até Padrenda, pasando por Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado e Padrenda, están a recibir cartas da Xunta de Galicia informándolles do proxecto da LAT. Mentres, en Bande, unha das dúas comunidades de montes afectadas, votou hai unha semana maioritariamente a favor da instalación de eólicos no Monte Grande. Para este martes, en Congostro (Rairiz de Veiga) a comunidade de montes tiña prevista unha reunión para tratar do proxecto eólico sobre o que advertiu o Diario do Limia. A reunión, finalmente, adiouse. 

Visibilidade da LAT desde núcleos
Visibilidade da LAT desde núcleos (nun rango de 5 quilómetros). Imaxe do Estudo de Impacto Ambiental.

NOTICIAS A LIMIA | Presentan máis de 700 alegacións nun día contra a LAT e o proxecto...