viernes. 19.04.2024

“O obxectivo é ganar partidos”, di Óscar Sabucedo, adestrador do Antela, na semana previa ao debut do equipo en Prefrente (o próximo domingo na Moreira contra o Pontevedra B). Hai oito meses, na súa primeira entrevista co Diario do Limia, cando colleu o Antela, dixo máis ou menos o mesmo: “Temos que gañar partidos para non ter que facer números”. Daquela o obxectivo era o ascenso. Conseguírono. Agora o obxectivo é a permanencia. 

O Antela regresa esta noite aos adestramentos. Están programadas outras tres sesións antes do partido do domingo. Na do xoves, se o Maside recupera algúns xogadores, haberá amigábel na Moreira contra o Maside.

Quen son os rivais do Antela nesa batalla pola permanencia (hai catro descensos)?
A priori, os outros dous ascendidos, o Moraña e o Racing Castrelos. E equipos como o Cambados e o Valadares. En principio nos vemos eses equipos como rivais máis directos. 

Que equipos ve arriba?
Pois un grupo amplo. Hai moitos proxectos co obxectivo do ascenso. Todos os que xogaron a fase de ascenso a tempada pasada, por exemplo. Aí están o Barbadás e o Verín. O outro equipo ourensán, o Arnoia, descendido de Terceira, tamén está nese grupo. E sempre aparece algunha sorpresa.

Que referencias ten do Pontevedra B?
Os filiais son equipos impredicíbeis. Tampouco sabemos cantos xogadores que fixeron a preparación co primeiro equipo van estar. Terán bo trato de balón e quererán ter o balón. Vai ser un partido moi esixente tanto defensiva como ofensivamente. 

Despois, visita a Ribadumia e partido na Moreira contra o Cultural Areas. Como se presenta o arranque de Liga en setembro?
Polo que sei, tanto o Ribadumia como o Cultural manteñen xogadores que xa levan varios anos, xogadores contrastados que coñecen a categoría. Serán dous rivais complicados. Pero nós chegamos ben a este arranque.

Como foi a pretempada?
Ben. Os obxectivos fóronse cumprindo. Hai xente nova en proceso de adaptación, que aínda non están ao cento por cento. Pero chegamos ben.

O día da presentación, hai un mes, dixo que estaba contento coas fixaches. Como está hoxe?
Estou satisfeito. Sabía o que poden dar futbolistas como Noel ou Peral, e non me sorprende o nivel que están demostrando. Do resto, aos que coñecía menos, podo dicir que foron sorpresas positivas. Todos nos achegan cousas.

Antela UD Ourense. óScar Sabucedo. A Moreira (FILEminimizer)
Sabucedo, de pé na banda, durante o partido contra a UDO na Moreira a finais de agosto.

Parece que xa ten claro o once en todas as liñas...
Pois non o teño tan claro.

Polo menos a defensa? Ou a portería?
Calquera dos xogadores cos que estamos a traballar pode xogar en calquera momento. Dalama pode xogar. Calquera defensa, ou calquera nas outras liñas. E por riba hai xente que estivo de vacacións, que se está integrando agora. Non temos indiscutíbeis. 

Teixeira foi a mellor noticia da pretempada?
Foino. Juan Forri [adestrador dos xuvenís] faloume del. Ten boas condicións e ademais pode xogar en calquera posición da defensa.

Xa fixo os seus descartes?
Non. Insisto en que do grupo co que traballamos na pretempada calquera pode xogar. Haberá xogadores que empecen con ficha do filial, pero conto con eles. E ademais falaremos cos adestradores do Antela Xinzo para poder disputar partido os xoves.  

Cambiará moito o fútbol do Antela este ano dadas as esixencias da nova categoría?
Haberá partidos que teñamos que nos defender máis e teremos menos o balón. No amigábel contra a UDO foi así e o equipo respondeu ben. Mais nós intentaremos facer o que viñemos facendo: ter o balón, manter a filosofía do ano pasado.

Na Moreira veremos a Noel como único pivote, ou hai opción de xogar con dobre pivote?
A nosa idea é xogar con un só pivote. E así comezaremos. Despois veremos como van as cousas en cada partido. Pero, xa digo, non variará moito o que viñemos facendo até hoxe. 

Botou contas, marcou algunha baliza: número de puntos na primeira volta, antes do Nadal...?
Non. Desde o principio o obxectivo é gañar partidos. Hai un obxectivo ao final da tempada, que é a permanencia. E temos que alcanzalo, pero no día a día a meta será gañar o seguinte partido.

Na última tempada o Antela en Preferente, a 2018-19, a salvación (debido aos arrastres descenderon a Primeira seis equipos) estivo moi cara. O Velle foi o último equipo en salvar a categoría, e sumou 13 vitorias e oito empates (47 puntos). 

ENTREVISTA | “No Antela non temos indiscutíbeis”