martes. 08.10.2024

O 18 de setembro o Antela disputará o primeiro partido como visitante na nova tempada en Preferente. Será en Ribadumia, no campo da Senra, a 173 quilómetros da Moreira, unha viaxe de máis de 100 minutos (ida) e outros 100 de volta. Esa é a nova vida do Antela na categoría interprovincial, onde 16 dos 20 equipos pertencen á provincia de Pontevedra. O Antela pasará máis tempo de viaxe pola A-52 e mesmo a AP-9 que sobre o céspede dos campos contrarios.


O Antela percorrerá máis de 5.000 quilómetros (5.045 segundo os itinerarios recomendados por Google) para xogar os 19 partidos fóra da casa. Despois da visita a Ribadumia, a seguinte viaxe será a máis longa, á Illa de Arousa, o día 2 de outubro, para medirse ao Céltiga: 194 quilómetros, máis de dúas horas de bus antes do partido.


Outubro será un mes de moitos quilómetros. Na xornada seguinte, a quinta, o 9 de outubro, os de Óscar Sabucedo xogarán diante do Umia en Barrantes, Ribadumia. Outra vez viaxe pola A-52 e a AP-9. 171 quilómetros até o campo da Bouza, 210 minutos (ida e volta) de traxecto no bus. Na sétima xornada, o día 23 do mes, o partido será no Porriño diante da Unión Deportiva Atios. Serán 116 quilómetros en pouco máis dunha hora, a viaxe máis cómoda a Pontevedra.

En total, o Antela percorrerá 2.856 quilómetros para disputar os dez partidos como visitante previstos na primeira volta do calendario.

Antes de rematar o ano, o Antela xogará en Vilalonga, de novo no Porriño (co Industrial), Cambados, e na Arnoia (apenas 70 quilómetros, menos de 50 minutos de viaxe). O 8 de xaneiro xogará en Moraña e concluirá a primeira volta o 22 dese mes en Vigo diante do Racing Castrelos. En total, o Antela percorrerá 2.856 quilómetros para disputar os dez partidos como visitante previstos na primeira volta do calendario.


Na segunda volta, a partir de febreiro, reduciranse as distancias. En marzo, cun calendario moi axustado, visitará ao Verín (día 2) e ao Barbadás (o 23). E entre ambos, tamén ao Pontellas (o día 9), o desprazamento máis longo dun mes, 121 quilómetros, con seis xornadas e os tres derbis ourensáns no tramo final da competición.


A viaxe máis longa desta segunda volta para o Antela será a Portonovo (186 quilómetros, unhas dúas horas de bus). Está prevista para o 21 de maio, na penúltima xornada da Liga. O último dos desprazamentos branquinegros antes de pechar a competición na Moreira co Racing Castrelos. A Preferente esixe destes esforzos (físicos e económicos): o Antela pasará máis de 3.300 minutos no autobús, case o dobre que pasará sobre o céspede nestes 19 encontros fóra.      

Calendario. Preferente. Antela. Normas de competición (1) (FILEminimizer)
Normas de competición. | IMAXE: Federación Galega de Fútbol.

FÚTBOL A LIMIA | O Antela percorrerá 5.000 quilómetros en desprazamentos na Liga