Xoves. 28.03.2024

Juan Carlos Francisco, presidente do Verín Clube de Fútbol, presentou esta tarde ao equipo técnico que perseguirá, como así o deixou claro na rolda de prensa, o ascenso de categoría. No mesmo acto tamén se anunciou o calendario de pretempada que se inaugurará o vindeiro 13 de agosto na vila verinense, nun triangular no que participará a Unión Deportiva Ourense e o Bragança portugués.



Francisco Rivera, na presentación do corpo técnico, reafirmouse no claro obxectivo que fixa a dirección para esta tempada 2022 – 2023: “Todos sabemos ao que vimos aquí. Este é un clube humilde pero que precisa dar pasos cara adiante en prol de acadar a categoría axeitada”, subliñou.

Juan Carlos Francisco, presidente do Verín C.F. | FOTO: Iván Iglesias.
Juan Carlos Francisco, presidente do Verín C.F. | FOTO: Iván Iglesias.



O presidente do Verín Clube de Fútbol deu a benvida a “Juanjo” Vilachá, que por segundo ano consecutivo dirixirá ao vestiario verinense: “Deséxoche toda a sorte do mundo, porque a túa sorte será a nosa. Sabes que estamos facendo as cousas coa mellor vontade posible, que estamos facendo todo o que está nas nosas mans para ter un plantel das máximas garantías e este ano non podemos fallar”, indicou Juan Carlos Francisco.
 

Todos sabemos ao que vimos


“Juanjo” Vilachá recolleu perfectamente a mensaxe do seu presidente e afirmou que “téñoo moi claro, todos sabemos ao que vimos este ano e non podemos escondelo: o ascenso de categoría”.

A Vilachá acompañarano, nas labores técnicas, Bernardo Seara Seara -segundo adestrador-, Miguel Varela Vázquez “Michi” -adestrador dos porteiros-, David Vázquez Diéguez -preparador físico- e Roberto Tejero -readaptador-, o único que non acudiu, por motivos profesionais á presentación do “staff” deportivo.

Juanjo Vilachá, na presentación desta tarde. | FOTO: Iván Iglesias.
Juanjo Vilachá, na presentación desta tarde. | FOTO: Iván Iglesias.

 

Pretempada


“Juanjo” Vilachá confirmou o calendario de preparación para a competición regular, que arranca o vindeiro 11 de setembro. Así, o primeiro partido que disputará o Verín Clube de Fútbol será o 13 de agosto, no torneo triangular “Trofeo Vila de Verín” que terá lugar con motivo da celebración da Feira do Viño de Monterrei e no que tamén competirán a Unión Deportiva Ourense e o Grupo Desportivo de Bragança portugués.

O día 17 de agosto, no Estadio José Arjiz, o Verín Clube de Fútbol recibirá ao Ourense Clube de Fútbol. Tres días despois desprazarase ata Bragança (Portugal) para disputar un novo encontro preparatorio.

Rematará o mes de agosto -día 27- participando nun torneo triangular co Polígono Industrial de Ourense a domicilio, no que tamén estará a Unión Deportiva da capital.

A pretempada concluirá para o Verín C. F. o día 3 de setembro na Peroxa (Ourense), nun amistoso co equipo da localidade a domicilio, no estadio do Marco. 

FÚTBOL PREFERENTE | Vilachá repite no vestiario verinense coa encomenda do ascenso