Xoves. 28.03.2024

Dous goles de Joni e outro de Pablo Forri deron ao Antela a vitoria onte diante do Maside na terceira xornada da fase de ascenso a Preferente. Os resultados da fin de semana deixan a cinco equipos nunha marxe de catro puntos con cinco xornadas por se disputar. Todo é posíbel.

Onte na Moreira o Antela sufriu durante 45 minutos contra o vento, contra un rival que sabía ao que xogaba e que aproveitou o desconcerto dos locais, sen os seus referentes ofensivos. A superioridade do Maside rematou nun empate sen goles froito de graves erros defensivos e erros aínda máis graves dos atacantes. Non era unha tarde para fútbol. 

Despois, con vento de cola, aproveitando a extrema debilidade defensiva do Maside e coas ideas máis claras, máis ímpeto na conquista e máis balón polo céspede, o Antela despachou o partido en 15 minutos. 

En realidade, a primeira parte enteira e a última media hora de partido foron dous trámites... porque así se deron as cousas. Porque Germain rematou contra un defensa baixo paus un erro en cadea da zaga visitante. Foi, o do dianteiro local, un erro sobre un erro. Tamén fallou Sergi. E ao cuarto de hora de partido, o Antela caeu na melancolía e o Maside empezou a gañar cada balón dividido, avanzou co balón e gañou o campo contrario sen encontrar oposición nun medio campo local que non tiña a pelota para atacar nin a intensidade precisa para se defender ben.

O Maside sentiuse cómodo e acosou a área de Suso a balón parado. Tanto, que mesmo Suso, sempre tan solvente, caeu en erros que os dianteiros rival non souberon aproveitar. Erros sobre erros. Así até chegar ao descanso con 0-0 cun Antela desorientado, non se sabe se polas ausencias, polo vento, polo frío ou porque simplemente era unha desas tardes nas que o fútbol, mellor pola tele.

Erros sobre erros. Así até chegar ao descanso con 0-0 cun Antela desorientado, non se sabe se polas ausencias, polo vento, polo frío ou porque simplemente era unha desas tardes nas que o fútbol, mellor pola tele.

Despois todo foi cuestión dun cuarto de hora. O Maside saíu na segunda parte parado sobre campo contrario, pero o Antela era outro. Pancho e Joni romperon a defensa visitante aos dous minutos. Lamas percutiu a continuación. O Maside non reaccionou. E Joni volveu golpear. Desta volta con fortuna. Zafou o fóra de xogo cunha arrancada pola esquerda, perfilouse para a súa dereita, disparou raso e o balón tocou nun defensa e acabou na rede. Tres minutos despois, a mesma acción pero xa sen defensas polo medio. Joni saíu como un tiro, encarou ao meta rival e pechou o partido. 

A media hora seguinte serviu para que Pablo Forri completase o seu regreso á titularidade cun gol, nunha tarde que empezou como pivote e acabou como central pola lesión de Quintairos. Tamén volveron xogar David Lamas e Borja Carballo. E Carrasco e Samuel tiveron os seus minutos, mais o partido xa rematara hai tempo e non tiveron partido que axitar. Non era unha tarde para moito fútbol. 

FICHA TÉCNICA

ANTELA: Suso, Peque, Quintairos (Nogueiras, 80'), Juan, Borja Tazos, Pablo Forri, Pancho (Borja Carballo, 65'), Xabi Lamas, Sergi (Carrasco, 75'), Germain (David Lamas, 55') e Joni (Samuel, 75').

MASIDE: Óscar, Naym, Martín Vázquez (Juan, 46'), Aitor (Rubén, 60'), Álex Bardelás, Fernando, Barbosa (Mario, 75'), Delgado (Alan, 70'), Martín Álvarez, Pájaro e Manu Bardelás. 

GOLES: 1-0, Joni (58'). 2-0, Joni (61’). 3-0, Pablo Forri (71’).

ÁRBITRO: Paz López. Auxiliado por Estévez Blanco e Pérez Quinteiro.

ESTADIO: A Moreira. Uns 300 espectadores.

OUTROS RESULTADOS

Barbadás B, 3; Carballiño, 0.
Celanova, 1; Vilariño, 1.
Allariz, 2; A Peroxa, 1.

CLASIFICACIÓN

1.º A Peroxa, 11 puntos
2.º Celanova, 10.
3.º Allariz, 9.
4.º Antela, 8.
5.º Vilariño 7.
6.º Barbadás B, 4.
7.º Masice, 4.
8.º Carballiño, 3.

Antela. Maside. Bardelás
O Antela sumou o seu segundo triunfo na Moreira nesta fase de ascenso.

FÚTBOL A LIMIA | O Antela engánchase ao vagón de cabeza