martes. 30.04.2024

O sorteo dos oitavos de final da Copa Deputación deixou dous rivais de envergadura para os equipos limiaos. As Escolas Deportivas enfrontaranse ao Sp. Carballiño; e o Antela, ao Barbadás, equipo de Preferente e que até a pasada fin de semana loitou polo ascenso a Terceira.

As datas das eliminatorias, a partido único, están por fixar. No caso do Antela, será o domingo 5 de xuño ou o mércores día 8. Os dous conxuntos limiaos terán a vantaxe de xogar na casa. As Escolas eliminaron ao Velle (1-0) en xaneiro e, a semana pasada, ao Toén por penaltis. O Antela superou ao Paderne a domicilio por penaltis e a semana pasada ao Santa Teresita (5-2).

As Escolas Deportivas remataron a Liga de Segunda na metade da táboa. O Piñeira Seca, eliminado na rolda anterior da Copa, estivo a piques de alcanzar a promoción, mais rematou cuarto. O Antela, pola súa parte, despois de ganar o título de Liga de Primeira e a única praza de ascenso, xogou dous días despois a eliminatoria de Copa co Santa Teresita. Tras un descanso duns días, o equipo de Óscar Sabucedo volverá adestrar mañá.

O resto de cruzamentos de oitavos é o seguinte: 
Viana - Soutopenedo
Pabellón - Cortegada
Coles - Allariz
A Bola - Maside
Ribadavia At. - U.D. Ourense
Monterrei - Nogueira 

A Unión Deportiva Ourense, que vén de ascender de Preferente a Terceira, o Barbadás e o Nogueira (aínda na pelexa pola permanencia en Preferente) son os equipos favoritos. 

FÚTBOL A LIMIA | O Barbadás, que estivo cerca de subir a Terceira, rival do Antela na Copa