O Antela gaña en Celanova (1-3) e pasará á fase de ascenso con dous puntos

FÚTBOL A LIMIA | De Borja a Borja

Borja (Carballo), autor do terceiro gol do Antela en Celanova.

Era o minuto 45, un gol supoñía cumprir o último obxectivo desta fase. Despois dun partido de ida e volta, tamén para el, con altos e baixos, con enfados co seu cómplice no banco, Borja Tazos colleu o balón, parouse no punto de penalti, colocou, golpeou e desquitouse. Noventa minutos sufrindo. Unha vitoria incontestábel.

O Antela chega no seu mellor momento da tempada á fase de ascenso, 8 partidos nos que loitará polo premio maior. Hoxe gañou en Celanova (1-3), inflixindo a primeira derrota da Liga ao líder nun partido complicadísimo, cheo de trampas polas condicións do terreo de xogo, e no que os de Óscar Sabucedo foron táctica e fisicamente superiores ao rival. Non hai mellor carta de presentación para o seguinte reto. Os rivais serán A Peroxa, Vilariño, Sporting Carballiño e Maside

Con seis baixas e Xabi Lamas (o mediocentro é Xabi, non Carballo, como por erro do redactor apareceu na crónica anterior e na previa de onte) como recambio do sancionado Pablo Forri, Óscar Sabucedo despregou un once moi ofensivo: con Pancho no interior, Pedro na media punta, Joni e Sergi nos extremos e Borja arriba. Mais o Antela comezou repregado e o Celanova tomou o mando máis por obriga que por convicción.

En medio dunha chuvascada os locais empuxaron, pero non levaron perigo á área de Suso. Pedro empezou a ameazar con disparos desde lonxe. E desde o minuto vinte en adiante o Antela deulle á volta ao partido.

Do repregue ás contras, cunha circulación rápida e vertical. Pancho, Pedro e Borja xogan de memoria, Sergi entrou rápido na onda, a Joni custoulle máis, pero terminaría sendo o máis determinante do paquete ofensivo do Antela.

Co campo empeorando e a chuvia que se volveu constante, Pedro tirou de físico mais Borja estivo lento e impreciso. Na zaga, Peque, Breixo e Quintairos resolveron con solvencia. Tazos volveunas ter co adestrador. Probabelmente é un dos xogadores con máis talento do equipo, Óscar fai de pai duns, de colega dos veteranos e de irmán maior de Tazos. Ao fin, Tazos foi determinante. E a imaxe do técnico e o 17 xuntos sobre o céspede rematado o encontro resume toda esa tensa complicidade.

O partido converteuse nunha guerra por cada balón, nun ida e volta con faltas, golpes, empurróns, tarxetas, protestas, erros, erros arbitrais, máis protestas... pouco xogo.

O Antela deixou escapar vivo ao Celanova na primeira metade. E na segunda, os locais mostraron toda a coraxe que ten o líder. O partido converteuse nunha guerra por cada balón, nun ida e volta con faltas, golpes, empurróns, tarxetas, protestas, erros, erros arbitrais, máis protestas... pouco xogo. En cinco minutos o Celanova puido marcar tres veces.

Óscar Sabucedo (o adestrador), con Borja Tazos, ao final do partido.

Pancho notou a fatiga e foi substituído por Borja (Carballo, este si), un xuvenil máis. Pedro renunciou a algún balón. Xabi, cada vez máis só, víase desbordado continuamente. Entre o minuto 20 e o 25, outro empurrón do Celanova. Iago Sanginés, o 11 local, citouse tres veces con Suso. E gañou Suso. Despois tería o seu desquite. Foi un partido de desquites que, neses minutos, puido caer cara calquera lado.

0-1. Pareceu que ía caer do lado visitante cando Joni, o primeiro en se desquitar, fixo un slalom paralelo a área para acomodarse o balón á dereita e cruzar un disparo de gol. Faltaba pouco máis de media hora para o final e o Antela tiña feito méritos, en ataque e en defensa, como para merecer o resultado.

1-1. O Celanova intentou repoñerse. E apareceu Carballo (Borja), que cometeu un penalti infantil, cousas da idade. O Antela viaxou no partido de Borja (o nove) a Borja (o xuvenil). Sanginés volveuse citar con Suso. E desde os once metros, puido desquitarse. Empate e o Celanova encontrou o seu momento. Faltaban 13 minutos. 

Xogadores do Antela celebran a vitoria en Celanova.

Sen Borja (canso de loitar contra a defensa local), retirados Pedro e Sergi, e con Borja Carballo e medio equipo xuvenil para aguantar o envite local, o Antela parecía condenado. Pero non. A última carga do Celanova durou os mesmos cinco minutos. Foi pisar de volta a área local, e o árbitro sinalou penalti. Tazos (tamén Borja de nome) colleu o balón. 

1-2. Gol. Noventa minutos. O Antela tiña no peto a vitoria, a terceira praza da clasificación amarrada. Un partido trampa, imposíbel para o par Borja (o nove)-Pedro. Un partido de moita responsabilidade para Xabi Lamas. Un partido impecábel dos centrais e de Suso. Un partido terríbel para Carballo, un xuvenil, autor dun penalti nos peores momentos...

1-3. No desconto, Carballo (este si), un rapaz con cara de rapaz, que parecía a vítima dun partido para homes xogado por nenos, tamén se tomou o desquite. O Antela viaxou no partido de Borja (o nove) a Borja (o xuvenil). Sanginés volveuse citar con Suso. E desde os once metros, puido desquitarse. Empate e o Celanova encontrou o seu momento. De Borja a Borja, pasando por Tazos, volveu gañar o Antela.