Venres. 29.03.2024

O BNG volve a Rairiz para disputar a alcaldía da localidade nas vindeiras eleccións municipais. Juan Antonio Rivero encabeza o proxecto dos nacionalistas neste concello limiao, ao que lle queren dar estabilidade despois do cambio da actual alcaldesa popular, Asunción Morgade, polo PSOE.

Estas eleccións municipais ponse á fronte da candidatura do BNG en Rairiz. Que o motivou a dar este paso?

A necesidade de poñer a Rairiz onde se merece. O abandono e a desidia destes últimos anos están deixando morrer ao concello. Cada vez hai menos servizos ou os que temos están obsoletos, os prezos e prazas da residencia son inaccesibles para moitos dos nosos maiores e hai falta de actividades e acceso á cultura. Non dispoñemos dun centro de día, o colexio cada vez ten menos nenos... Estamos a tempo de resolver esta situación, pero hai que actuar xa, porque dentro de pouco pode ser irreversible.

 

Estivo anteriormente relacionado co mundo da política?

A miña relación coa política empezou con só 14 anos, formando parte de Galiza Nova na Limia. Cinco anos despois, chegan as miñas primeiras eleccións municipais en Rairiz de Veiga, nas que participo como votante e membro da lista do BNG na localidade. Nese momento paso a formar parte da militancia do BNG e saio elixido como concelleiro, sendo tres as lexislaturas nas que me involucrei activamente no día a día da política municipal do noso concello, sempre da man do BNG.

Como está vivindo esta campaña electoral?

Con moita ilusión, con ánimo e con forza! Tanta ou máis como a que sentín nos meus primeiros comicios aló polo ano 95. Tamén, cunha gran vocación de servizo público. Sinto a obrigación de dar resposta a tódalas necesidades dos nosos veciños, desamparados e abandonados polo goberno local dos últimos 12 anos. Crieime aquí, vivín anos no que o colexio tiña máis de 600 persoas, o concello estaba cheo de vida, había negocios, a xente tiña traballo… Agora non queda case nada. A mocidade busca alternativas fóra porque non hai actividades de lecer nin culturales, nin lugares onde xogar ou simplemente reunirse. No hai nada que facer.

Por iso me presento, porque co meu equipo quero devolver a actividade a Rairiz, que florezan de novo os negocios, que haxa actividades para os cativos, un centro de día para os maiores, iniciativas culturais para toda a familia, como pasa nos concellos de Verea, Vilar de Santos ou Allariz, onde goberna o BNG. Aquí o único que hai agora é unha débeda millonaria, aumento de impostos e perda de servizos que está asfixiando ó concello, como resultado dunha pésima xestión.

Como define ao equipo que o acompaña nestes comicios?

Como xa se publicou na presentación da nosa candidatura, somos xente de lei e palabra, algo que botamos en falta na xestión dos últimos anos. Con un perfil de idade entre os 27 e os 67 anos. Todos os membros da candidatura coñecemos  e queremos ó noso concello, medramos ou residimos aquí e, por iso, estamos completamente comprometidos co proxecto que presentamos. Un proxecto con futuro para devolvérllela vida a Rairiz e esa é a mellor garantía de que, se gañamos, vamos a cumprir polo amor que sentimos por esta terra.

 

Cales son as expectativas que teñen de cara á cita do 28M?

Presentámonos para gañar as eleccións e rematar dunha vez por todas co caciquismo, a inoperancia e o abandono que estamos a sufrir nestes últimos 12 anos. Vamos a pór en valor o noso concello e a xestionalo como se merece a partires do 28 de maio. Hai moita xente que quere un cambio e é posible. Os veciños están fartos, ninguén os escoita, fartos de que cada vez haxa menos servizos, de ter que levar aos nenos a Xinzo porque aquí non temos actividades para eles... As poucas empresas, gandeiros, agricultores e recursos económicos que nos quedan síntense desamparados. Son cousas básicas, que non temos e que é impensable que non teñamos. O rural estase despoboando en xeral, pero neste concello estánnos obrigando a marchar, porque o pouco que había está sendo desmantelado. Iso si, cada vez pagamos máis impostos por menos servizos. Aí si que se traballa.

Que propostas teñen para o concello de Rairiz, no caso de ser elixidos para o vindeiro mandato?

Queremos sentirnos orgullosos de Rairiz. Merecemos un concello con servizos públicos de calidade, que nos permitan desenvolvernos no rural, que non supoñan unha barreira para as nosas aspiracións laborais, que nos axuden a coidar dos nosos maiores e devolverlle todo o que fixeron por nós. Necesitamos un concello adaptado ós novos tempos, cun transporte público á altura das nosas necesidades, que nos permita movernos e desenvolvernos laboral e persoalmente, sen trabas burocráticas nin administrativas. Precisamos acceso a cultura, actividades que devolvan a vida á localidade e que poñan en valor o noso importante entorno natural da Reserva da Biosfera. Queremos un Rairiz onde os nenos poidan medrar, onde os mozos queiran vivir e onde os maiores desfruten.

Queremos un Rairiz onde os nenos poidan medrar, onde os mozos queiran vivir e onde os maiores desfruten

Que opina dos últimos intercambios de candidatos, co paso da alcaldesa do PP á lista do PSdeG?

Máis importante que o que penso eu, é o que pensarán os seus votantes. Para min hai dous valores fundamentais na política: a lealdade e a credibilidade. Un candidato que non é leal ó seu proxecto, non pode transmitir credibilidade. Un candidato que pasa dun partido cunha determinada ideoloxía e criterios de goberno a defender as ideas dunha forza política con ideas contrapostas, non parece moi de fiar (Donde dije digo, digo Diego). Por desgraza é algo ao que nos teñen acostumados nos últimos anos, e quizais despois do 28 de maio volvan a ser todos os mesmos… Non todo vale por conseguir o sillón da alcaldía.

Un candidato que pasa dun partido cunha determinada ideoloxía e criterios de goberno a defender as ideas dunha forza política con ideas contrapostas, non parece moi de fiar

Que pensan no BNG de que o ex-alcalde inhabilitado apareza en carteis do PP?

Cada forza política ten potestade para poñer nos seus carteis a quen queira, iso hai que respetalo. Pero non me parece moi ético que nesa propaganda electoral apareza un individuo condenado e inhabilitado pola xustiza por ter prevaricado reiteradamente, malgastando e espoliando o noso concello e, máis aínda, cando nas súas propias declaracións logo da sentencia indicaba: "Se siente uno aliviado", ha asegurado tras ser preguntado si lamenta dejar la política. A min, persoalmente, non me ofrece ningunha confianza.

ENTREVISTA | Juan A. Rivero: "Queremos rematar co caciquismo, a inoperancia e o...