martes. 10.12.2024

O pasado sábado nove de outubro, un veciño de Sabariz -Concello de Rairiz de Veiga- , atopara no medio da estrada a un mulo abandonado. Concretamente no cruce que conecta a aldea con Pereira e Xuxá. O particular, Daniel Feijoó, ao ver o perigo que podería supoñer o equino para a circulación de vehículos, decidira recollelo e levalo temporalmente a unha finca.

O animal atopábase nun pésimo estado de saúde, moi malnutrido e cun anaco de corda atado ao pescozo. Calcúlaselle unha idade de adulto, xa algo avanzada, entre os 25 e 30 anos.

O veciño de Sabariz e os seus familiares contactaran con diversas persoas de aldeas e vilas próximas, pero nadie coñecía nin sabía de onde podía ser o mulo. Tamén acudiran ao propio Concello de Rairiz, ademais da Garda Civil de Xinzo e os servicios do 112, pero ningunha das entidades se quixera facer cargo do animal, alegando que non sabían que facer con el.

Grazas ao contacto co servizo de Seprona de Lobios comprobouse que o equino contaba cun microchip sen datos. O número de rexistro non figuraba no sistema español, polo que se sospeita que podería ser propiedade dalguén da fronteira portuguesa.

A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Morgade, anunciou onte nun bando informativo que o dono do mulo terá un prazo de seis días -contados dende onte- para reclamar ao equino. En caso de superar a data límite, o animal pasará a ser propiedade dalgún individuo da comarca, pois xa conta con algún interesado en adoptalo.

NOTICIAS A LIMIA | Atopan en Sabariz a un mulo abandonado e en estado de desnutrición