viernes. 04.10.2024

“Estamos mirando as predicións do tempo cada dez minutos”, confesa a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, na véspera da Romaría da Saínza, que arranca mañá con bombas de palenque antes do xantar; pola tarde, Foliada; e á noite, María do Ceo. MeteoGalicia prognostica nubes e claros e tempo seco con temperaturas máis frescas para toda a fin de semana.


“Esperamos que non chova. Se pasa, poríamos unha carpa no campo da festa, pero aquí no campo do castelo é imposíbel”, di Morgade, sentada baixo o pequeno castelo decorado para o asalto da noite do sábado e a batalla de Moros e Cristiáns o domingo (a partir das 13:00 horas). 


Corenta persoas, entre elas, “todo o persoal do Concello de Rairiz de Veiga”, a Agrupación de Protección Civil de Vilar de Barrio e a da Mancomunidade do Ribeiro, formarán o dispositivo de seguridade para acoller unha festa masiva. O núcleo da Saínza quedará pechado ao tráfico desde o sábado pola tarde até o domingo despois do xantar.


Ao convite do Concello responderon Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense, e o alcalde de Montalegre, Orlando Alves. Tamén os alcaldes dos Blancos e Vilar de Barrio, e representantes do PP de Xinzo e concelleiros do goberno de Elvira Lama. 


La Oca Band é o concerto máis esperado, o sábado pola noite, e máis despois de que a orquestra teña sido nomeada entre as candidatas ao Premios Martín Códax da Música, o mesmo que A Arca da Noe, sala de concertos que esta fin de semana non ten programación. Tamén o Antela mudou hábitos e o partido da terceira xornada de Liga diante do líder, o Cultural Areas, xogarase na Moreira o domingo pola mañá (12:00 horas).

A procesión dese día sairá de Rairiz ás 11:45 horas acompañada polo exército cristián e varios homes a cabalo. No campo do castelo celebrarase a misa e contra ás 13.00 horas comezará a batalla entre os Cristiáns, que pretenden recuperar o castelo ocupado a noite anterior (na cerimonia do asalto) polos Moros. Durante a batalla, a Pirotecnia Josman descargará 30 quilos de pólvora. Josman encárgase tamén das bombas do venres pola mañá e dos fogos artificiais do sábado pola noite. “Temos feito o noso plan de auto-protección e témolo enviado á Subdelegación. O campo esta limpo e rozado. E a motobomba municipal estará alerta no mesmo campo”, di a alcaldesa.

Haberá aparcadoiros no campo do castelo, en Santa Baia e nas pistas da zona da Carballa da Rocha. Rairiz de Veiga espera que se reúnan miles de persoas o sábado pola noite e o domingo durante toda a mañá. “Que todo saia ben, e que non chova”, pide Asunción Morgade, pendente do móbil... polo tempo e por chamadas. “Son os detalles de última hora”, descúlpase.

Saínz 2022 (1)
Saínz 2022 (1)

 

NOTICIAS A LIMIA | Trinta quilos de pólvora para a descarga do domingo na Saínza