A Feira da Pereira volverá celebrarse o sábado 10 de agosto no pobo de A Pereira, pertencente ao Concello de Rairiz de Veiga. Un ano máis, veciñanza e visitantes están convidados a gozar dunha xornada de celebración, cultura e tradición.
A programación deste ano inclúe a participación musical de varios grupos: a Banda de gaitas de Rairiz de Veiga, Aturuxos do Miño, Eskachapalletas, As Xingras da Arca e Airexa.
Como é habitual, celebrarase a lectura de poemas de Antón Tovar, un dos momentos máis significativos da feira. Como novidade, haberá unha representación do proceso do liño organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Vilar de Santos, unha actividade que busca poñer en valor os oficios e saberes tradicionais.
Ao longo do día tamén haberá espazo para o público infantil, con colchonetas gratuítas pola mañá (11:00 a 14:00 h) e xogos tradicionais pola tarde (16:00 a 19:00 h), todo a cargo da empresa Rosa dos Ventos.
Durante a feira estará presente o cesteiro Sergio (@seraporvimbios), que ofrecerá un pequeno obradoiro gratuíto para quen queira iniciarse na arte do vimbio.
A artesanía tamén terá o seu espazo, con postos onde se poderán adquirir produtos feitos a man. Non faltarán tampouco a panadería e os queixos artesáns.
O antigo muíño do pobo abrirase para mostrar ao público como era o proceso tradicional de moenda. Ademais, ás 17:00 h realizarase un sorteo, cuxos boletos aínda están dispoñibles a 1 €.
A organización avisa: pode que aínda haxa algunha sorpresa reservada para os máis festeiros.
