sábado. 20.04.2024

Pilar Cabrera é a concelleira de Xustiza Social no goberno municipal de Sandiás. Mónica Fernández Nieves é traballadora social do Concello de Sandiás. Elas son as promotoras do primeiro banco público na Limia de material ortoprotésico destinado a veciñas e veciños do concello.

Os aparellos están almacenados nun dos baixos da Casa do Concello. Hai cadeiras de rodas, muletas, un andador, un adaptador de bañeira, mesmo un colchón anti-escaras. A iniciativa púxose en marcha en febreiro. Empezaron a chegar as primeiras doazóns. A principios de maio o banco xa contaba con aparatos diversos en depósito. Mais aínda non con usuarias.

“Iso virá co tempo. Imos dando a coñecer o servizo. É evidente que, en concellos como o noso, hai moita poboación que é usuaria potencial. Ademais, por suposto, de familias que poden doar”, confía a concelleira.

O funcionamento do banco é sinxelo. O doante diríxese á traballadora socia, completa unha documentación para o rexistro e entrega o material, que só se acepta se está en bo estado. Os aparellos límpanse e almacénanse.

Para solicitar material para o uso o procedemento é o mesmo: pórse en contacto co Concello de Sandiás, facer unha solicitude que quedará rexistradas, que inclúe o estado no que se entrega a peza ou as pezas e o compromiso do usuario de devolvelo. 

“Nós, a través do servizo de axuda no fogar, coñecemos bastante xente que ten material e as veces queda aí. Material hai. O caso era empezar”, comenta Mónica Fernández. “O obxectivo é ese: darlle unha segunda oportunidade a eses aparatos”, apunta Pilar Cabrera. “As veciñas e veciños non están habituados a resolvela necesidade deste xeito, pero a necesidade haina”, resume a traballadora social.

Sandiás. Banco ortopédico (1) (FILEminimizer)
Mónica Fernández Nives, a traballadora social, coa concelleira.

Na análise previa que o departamento de Xustiza Social fixo para implantar o servizo detectáronse necesidades concretas: cadeiras de rodas, grúas para mover persoas encamadas. Iso por un lado, polo outro, o banco pretende botar unha man ás familias para que eviten o gasto de ter comprar aparatos para resolver necesidades puntuais.

“O obxectivo é ese: darlle unha segunda oportunidade a eses aparatos”, apunta a concelleira Pilar Cabrera.

Tanto a concelleira como a traballadora social confían no boca a boca para que o banco se coñeza. “Todo é empezar”, din. A idea xurdiu a partir das experiencias en diferentes centros de saúde con servizo de préstamo. No Centro de Saúde de Sandiás teñen información da existencia do banco municipal. E o goberno local sabe que as familias do concello acumulan moito material deste tipo nas casas.

“As veciñas e veciños non están habituados a resolvela necesidade deste xeito, pero a necesidade haina”, resume, Mónica Fernández, a traballadora social.


A dependencia aperta aos servizos sociais en Sandiás como na maioría do rural ourensán. “Agora mesmo non temos a ninguén en lista de espera de dependencia para altas, pero si temos lista de espera para incrementar as horas a quen o demanda”, di Mónica Fernández, e matiza que o servizo é “dinámico” polas baixas (falecementos, ingresos en residencias...). Sandiás conta con cinco auxiliares e todas están este mes coa xornada de horas de servizo completa. A dotación de persoal mantense estábel desde hai anos. Eventualmente, contrátase persoal de reforzo.
 

NOTICIAS A LIMIA | Unha digna segunda vida dos útiles para a vellez