Venres. 29.03.2024

O Concello de Sandiás está a executar unha nova fase no proceso de substitución da vella iluminación pública por tecnoloxía LED. Desta volta, o goberno local informa de actuacións nos núcleos de Coalloso, Lavandeira e Zadagós a conta dunha subvención da Deputación Provincial.

“Con esta nova tecnoloxía LED o Concello adapta de xeito progresivo as instalacións á normativa vixente e aos niveis de iluminación regulamentarios, gana en sostibilidade ambiental, na mellora da eficiencia enerxética e nun significativo aforro económico que se poderá destinar a outros proxectos sociais e de servizos”, informou o goberno municipal, dirixido por Felipe Traveso, nun comunicado onte martes.

A Deputación Provincial de Ourense concedeu 29.804 euros ao Concello de Sandiás, unha subvención para o proxecto de aforro enerxético nos núcleos de Zadagós, Lavandeira e Coalloso. Hai apenas un mes, a mediados de maio, Sandiás informou doutra achega da Deputación, de 17.489 euros, para ampliar a renovación das luminarias ás aldeas da Corga e A Ladeira.

Esta intervención “supón a cuarta fase de instalación da iluminación pública”, di o goberno local, e subliña que o Concello de Sandiás xa leva invertido neste plan 240.000 euros “renovando preto de 700 puntos LED en practicamente tódalas aldeas do concello”.

A colaboración da entidade provincial que presidente Xosé Manuel Baltar (PP) está permitindo a Sandiás acometer diversos proxectos de envergadura. Nos próximos meses a intención do goberno de Felipe Traveso é pechar o pavillón e ampliar a instalación. O orzamento, de 350.000 euros, financiarase a través Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello e a Consellería de Educación (80.000 euros cada institución) e a Deputación de Ourense, que achegará 110.000 euros. 
 

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás leva a nova iluminación a Coalloso, Lavandeira e Zadagós