lunes. 07.10.2024

Verbenas, concertos, teatro, deporte, conferencias e menús especiais entre mañá e o domingo completarán as Festas das Neves en Vilar de Santos. Mais a actividade iníciase este mesmo xoves coa inauguración de dúas novas exposicións no Museo da Limia: Veciños de Manuel Traveso, con retratos a pluma de personaxes coñecidos de Vilar de Santos; e Encontros artesáns, unha mostra de traballos de alumnos dos obradoiros.

O salón multiusos e a praza xunto a Casa do Concello serán os escenarios principais das Festas das Neves que se celebran desde mañá, día 5, até o domingo, día 7, en Vilar de Santos. Polo salón multiusos pasarán Juanma Quelle, coa súa charla sobre pensamento positivo (mañá venres, 18:00 horas), a asociación de teatro amador Arracada (tamén mañá, ás 19:30 horas, coa presentación da obra Ante o reflexo), María do Ceo (o sábado, a partir das 20:30 horas).

A Praza do Concello acollerá as actuacións de Discoteca Móbil, o venres ás 23:30 horas; do grupo de pandeireteiras As Xingras da Arca, o sábado ás 23:00 horas, e de Tanto Nos Ten, o mesmo día ás 23:30; e do grupo de música folk A Roda, o domingo, ás 20:00 horas, no peche dos festexos, nos que colaboran o Museo da Limia e a Asociación Limiar ademais do Concello de Vilar de Santos, así como 49 empresas da localidade e localidades veciñas.

As festas inclúen na programación un maratón de fútbol sala que se celebrará o sábado e o domingo nas pista de Cachalgura, co patrocinio de Quellemoto, e que disputará os seus últimos partidos a mañá do día 7, coas semifinais ás 10:30 e a final ás 13:00 horas. Haberá tamén un torneo infantil de fútbol sala.

Durante as festas, no restaurante Zona Franca haberá sesión vermú de pinchos e tapas e menús a pedra con carne de vaca ourensá. O restaurante quere celebrar deste xeito as súas primeiras Festas das Neves. Tamén A Arca da Noe, que vén de facer oito anos como local de concertos, botará unha man nos festexos organizando o concerto de Pope & Gul, mañá venres a partir das 21:00 horas. 

A Festas abriranse mañá co pasarrúas de Achicoria, antes da procesión e da misa (cantada por Marosi) a partir das 12:30 horas. Para mañá venres está prevista tamén un xantar de confraternización veciñal na pista de Cachalgura. O último día, o domingo, a animación de rúa corre a cargo da charanga Os Bandiños. 

NOTICIAS A LIMIA | As Neves, festa completa esta fin de semana en Vilar de Santos