jueves. 25.04.2024

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Emilio Pazos, mantiveron hoxe en Compostela unha reunión na que o rexedor trasladou a intención do goberno de Trasmiras de instalar un observatorio de aves no Castelo.

Emilio Pazos explicou que a iniciativa municipal responde a un dobre obxectivo: poñer en valor os espazos naturais, e os elementos que o integran, de zonas de gran valor; ao tempo que se impulsan actividades que dinamicen e ofrezan riqueza aos concellos rurais.

Medio Ambiente quere ter o proxecto definitivo para que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural o analice e poida iniciar a tramitación do mecanismo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Trasmiras.

O observatorio situarase nas inmediacións do lugar do Alto do Castelo, desde onde se visualizan as máis de 1.000 hectáreas da Zona de especial protección de aves (ZEPA) da Limia. A conselleira, segundo expresou a nota de prensa do seu departamento, pensa que iniciativas como esta impulsan o turismo de natureza e en espazos libres, e teñen cada vez unha maior demanda.

O alcalde avanzou que esta intervención se completará no futuro coa creación de áreas de lecer e recreo, así como a determinación oficial de itinerarios dentro do ámbito da ZEPA.

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras instalará un observatorio de aves no Castelo