viernes. 19.04.2024

David Fernández Calviño, doutor en Ciencias do Solo e investigador da Universidade de Vigo e un dos responsábeis do estudo SoildiverAgro no que colabora tamén o Inorde, anunciou onte en Vilar de Barrio, durante unha conferencia no marco da 43 edición da Festa da Pataca, que o próximo mes de decembro serán presentados en Xinzo os resultados preliminares dunha investigación que propón a substitución de nutrientes químicos por nitróxeno, fósforo e potasio de orixe natural.


Fernández Calviño explicou o contexto actual de escaseza e suba de prezos da fertilización química e advertiu de problemas de subministro a curto e medio prazo. Despois incidiu nas iniciativas da Unión Europea para incentivar a substitución destes produtos e debuxou algunha das alternativas. Falou de rotación de cultivos coa inclusión de leguminosas para potenciar de forma natural o nitróxeno nos terreos. E tamén da introdución de microorganismos, como fungos, para aumentar do mesmo xeito o fósforo e o potasio que precisan, entre outros, o cultivo da pataca.

O investigador detallou os ensaios realizados en parcelas da Limia e mostrouse optimista cos resultados en canto á produtividade, alén da rebaixa de custes e da redución da contaminación do solo. Mais advertiu que a mostra é moi pequena e dixo que, a partir da publicación destes primeiros estudos, convidarase a agricultores da Limia e doutras partes do país a experimentar estas prácticas para comprobar o resultado nunha mostra máis ampla e significativa a respecto dos resultados desta substitución. 


“Se os resultados corroboran os que xa temos, será o momento de empezar esa substitución”, dixo o investigador. E referiuse ademais a outras alternativas para limitar o impacto de fertilizantes químicos. “A primeira, o uso de fertilizantes orgánicos, cun uso correcto”, matizou, para despois considerar que “nesta comarca tense feito un uso masivo e sen control en moitos casos”

Tamén explicou, no marco doutro estudo, prácticas para reducir o uso de funxicidas e outros produtos químicos contra as pragas. O Inorde e a Universidade de Vigo xa comezaron a experimentar sistemas de alerta en parcelas de ensaio a través dos cales están a determinar o momento preciso para a aplicación de químicos limitando o uso periódico. Tamén experimentan con “plantas trampa” para o control dos nematodos.

Falou de rotación de cultivos coa inclusión de leguminosas para potenciar de forma natural o nitróxeno nos terreos. E tamén da introdución de microorganismos, como fungos, para aumentar do mesmo xeito o fósforo e o potasio que precisan, entre outros, o cultivo da pataca.

“O obxectivo é tanto reducir o risco de que vexamos limitado o cultivo pola imposición de nova normativa a respecto da aplicación de químicos, como incrementar a produtividade con alternativas que benefician os solos”, explicou Fernández Calviño.

As conferencias celebráronse nunha carpa na praza do Toural de Vilar de Barrio.

Na conferencia, que se celebrou onte pola tarde na praza do Toural de Vilar de Barrio, é á que asistiron, entre outros, membros da corporación municipal de Vilar de Santos, co alcalde, Manuel Conde á cabeza, dos sindicatos agrarios e da Administración, como Servando Álvarez, do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo, tamén se fixo referencia a outras prácticas “que gañarán peso no futuro e mesmo condicionarán as axudas da PAC”, indicou Fernández Calviño.

Sinalou o investigador aspectos como a necesaria expansión dos corta-ventos, así como á da vexetación riparia (que aporta materia orgánica e outros hábitats) e dos humidais, e aludiu neste punto á deficiente xestión da vexetación das canles de auga na Limia. A respecto doutra recomendación, a presenza de vexetación auxiliar nas explotacións, Calviño considerou que A Limia está ben dotada de pequenas áreas de bosque entre as parcelas de cultivos.

Riveiro, á dereita da imaxe, durante a súa intervención.

Óscar Riveiro, a pataca en ecolóxico
O produtor en ecolóxico da Terra Cha lucense, Óscar Riveiro, explicou no ciclo de conferencias de Vilar de Barrio a súa experiencia baixo as normas da agricultura ecolóxica. Dixo que o órgano regulador estipula que as parcelas que muden cara á produción ecolóxica deben estar dous anos sen producir antes da introdución das novas prácticas. Advertiu que en determinados terreos a produtividade alcanza o pico nos primeiros anos. Comentou que os abonos que teñen autorizados “cada vez son mellores, máis aínda non alcanzaron o cento por cento a respecto dos resultados dos fertilizantes”. E describiu os beneficios do abono con algas como bioestimulante e tamén para o control de pragas. 


Riveiro, a preguntas do público, resumiu a potencialidade da produción en ecolóxico: “A terra é sabia e vai elixindo o que lle é bo e eliminando o que resulta malo. Simplemente hai que lle dar tempo, e ela mesma se auto-regula”.  

NOTICIAS A LIMIA | O Inorde e a Universidade precisan de parcelas para un estudo a gran...