Xoves. 28.03.2024

A 43 edición da Festa da Pataca de Vilar de Barrio viviu onte unha xornada previa coa inauguración do ciclo de conferencias. Falou Manuel López Vilariño, secretario da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, sobre o cultivo da castaña como factor de desenvolvemento rural. O ciclo continúa esta tarde coas palestras de David Fernández Calviño, do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo en Ourense; e de Óscar Rivero, produtor de pataca amparado polo consello regulador da agricultura ecolóxica de Galicia.


Para onte tamén estaba prevista a representación na praza do Toural da peza teatral O mercado está louco, a cargo do Grupo de Teatro Sociocomunitario de Maceda. Mais debeu suspenderse pola enfermidade dun dos actores. A parte gastronómica da Festa comezará a tomar corpo esta tarde coa cea popular, prevista para as 20:00 horas, no espazo anexo á praza do Toural.


O menú consistirá en empanada de patacas e ovos fritos e patacas fritas, pan e viño. O prezo é de 3 euros. Despois, contra as dez da noite, terá lugar a actuación de Sergio Pazos. O actor ourensán interpretará un monólogo titulado: Contaxíandonos de Humor. A xornada do sábado rematará de madrugada co verbena a cargo de DiscoMóbil Space, que comezará ás 23:00 horas.

O DOMINGO
Vilar de Barrio vivirá o domingo o día grande da Festa da Pataca. A feira mensual manterase esta vez na data do día 9, ademais haberá unha exhibición de animais con vinte e pico cabezas de gando e cabalos. A organización trata de recuperar parte do eran as feiras até hai medio século. “Temos un sector gandeiro potente con máis de mil cabezas na Serra de San Mamede e un sector pataqueiro e de cereal na parroquias da Limia que é un exemplo para toda a comarca”, di Manuel Conde, o alcalde. 


Para as 11:30 horas do domingo está prevista a inauguración da Festa, cunha exposición e venda do produto na praza do Toural. Haberá exposición de patacas da Limia e, tamén, doutras zonas do país, como Coristanco. O saco de 10 quilos de pataca de Vilar de Barrio estará a 5 euros na Festa. “Este ano houbo menos produción e custou máis xuntar pataca para a venda”, advirte o alcalde. 


Ademais do mercado, a outra cita da mañá é o xantar popular. Para evitar colas, a comida, que ofrece catro menús diferentes a un prezo de 10 euros por menú, empezará a servirse a partir das 12:30 horas. “Os menús son pratos nos que a pataca é unha gornición fundamental: churrasco, tenreira, polo á brasa ou carne ao caldeiro”, explica José Antonio Cid, un dos organizadores e membro da Asociación de Amigos da Festa da Pataca.


Xa pola tarde, o programa inclúe as actuacións musicais da Banda de Gaitas A Peniza de Vilar de Barrio e da Orquestra M3. Haberá xogos infantís e concursos, entre eles, un concurso de tortilla de patacas e premios ás patacas máis rara e a máis grande. A entrega de premios está prevista para as 18:15 horas e a merenda-cea, coa mesma oferta que pola mañá, estará a disposición dos comensais a partir das 18:30 horas.  

NOTICIAS A LIMIA | A pataca protagoniza o arranque do outono en Vilar de Barrio