viernes. 26.04.2024

O presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar (PP), visitou Vilar de Barrio o luns 18 de abril. Reuniuse co alcalde e parte da corporación. “A colaboración é fluída, e estamos orgullosos de que o presidente da Deputación, que é unha institución que está para axudar aos concellos, veña e reflicta publicamente ese interese en Vilar de Barrio”, manifestou aquel día Manuel Conde, o alcalde nacionalista do concello limiao.

Menos de dúas semanas despois, a Deputación incluíu unha partida para dotar Vilar de Barrio dun tractor para as rozas dentro dun expediente de modificación de créditos por valor de 18,2 millóns de euros, acordado no pleno provincial do pasado venres. 

O acordo supón unha achega de 600.000 euros para un convenio asinado coa Consellería de Medio Rural polo que se adquirirán 12 tractores destinados a traballos de prevención e loita contra os incendios forestais, e que beneficia aos concellos da Merca, Melón, A Peroxa, Castro Caldelas, Taboadela, Gomesende, Entrimo, O Bolo, Pereiro de Aguiar, Vilar de Barrio, Baños de Molgas e Nogueira de Ramuín. 

“O Concello só terá que pagar o IVE”, explicou Conde despois daquela xuntanza con Baltar.

No mesmo pleno provincial do venres, aprobouse outro modificativo de crédito correspondente ao Inorde por un importe superior aos 190.000 euros. A modificación, con cargo ao remanente de tesourería do Inorde, inclúe 50.000 euros para accións de promoción turística; 30.000 euros para asistencia a feiras e salóns especializados; e 8.000 euros máis para investimentos en equipamento do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, que tamén poderá dispoñer dun novo vehículo grazas a outra partida de 35.000 euros. 

O pleno, a proposta do BNG, acordou solicitar do Estado unha serie de medidas no contexto da crise. Entre elas, a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, hixiene persoal e feminina ou o transporte público e o incremento das pensións e dos salarios máis baixos até o 60 % do soldo medio actual; así como a protección do sector agro-gandeiro evitando a venda a perdas.

NOTICIAS A LIMIA | Manuel Baltar cumpre con Vilar de Barrio, que terá o seu tractor de...