viernes. 19.04.2024

En Vilar de Barrio a oposición non se distingue do goberno. Cando menos, no pleno municipal. Onte celebrouse unha sesión ordinaria na que participaron os nove concelleiros (hai unha concelleira) e a secretaria. O respecto polo alcalde, Manuel Conde, apoiado por outros 3 concelleiros do BNG, é absoluto. E iso que a oposición vai desde o PSOE (1) até o non adscrito (ex Ciudadanos) pasando polo PP (3) que nas eleccións de 2019 perdeu o goberno e dúas cadeiras.

Mais en Vilar de Barrio hai paz. O alcalde informa ao pleno dos asuntos en marcha, a secretaria certifica e os concelleiros asenten. Na orde do día figura dar conta da cifra de poboación. Non se dá. Está nos documentos enviados por vía informática a todos os membros da corporación. Tamén se alerta sobre un vertido no río, en Arnuíde, que provoca queixas das veciñanza. "Falámolo despois", di o alcalde, que asegura que non pode dar máis información.

Pasa o mesmo co asunto eólico. Resulta que sobre o Macizo Central pendura a espada dun macro-polígono eólico da poderosísima empresa estatal norueguesa de enerxía, con proxectos mega-rendíbeis en medio planeta e capacidade para mudar as opinións de gobernos alá por onde arrasa. Un concelleiro pregunta. "A xente pregunta. Que pasa?". "Non hai nada", responde o alcalde. A corporación decidiu hai máis dun ano, por unanimidade, como se fan as cousas en Vilar de Barrio, opoñerse á instalación. "Se queredes un día reunímonos de xeito informal e falamos", di o alcalde dirixíndose á corporación.

A orde do día marca un guión do pleno que leva o relato a outro asunto, unha queixa reiterada do alcalde de Vilar de Barrio e de centos de alcaldes en todo o país. Os concellos estaban afogados antes da pandemia e seguen afogados despois. A secretaria explica como o Concello está obrigado a recorrer a financiamento bancario para facer fronte a obrigas administrativas.

En Vilar de Barrio o Concello non volverá a recadar até abril, así que non hai diñeiro que alcance. A solución: ir o banco. 

Está o caso do obradoiro de emprego. Hai que pagar nóminas e material. A Xunta ingresou 138.000 euros, pero faltan outros 219.000. A secretaria explica como negociou co banco para solicitar un crédito duns 200.000 euros. Co banco tiñan outra liña aberta, e pendente de pagar 115.000 euros. O banco recomenda xuntar as dúas liñas e reducir o tipo de interese, "en catro puntos a respecto do que había", aclara a secretaria. Total, Vilar de Barrio vai pedir uns 325.000 euros por este lado. O máximo que lle permite a lei son 387.000 euros, o equivalente o 30% do orzamento.

A corporación de Vilar de Barrio, no pleno deste venres. FOTO DdL (2)
Manuel Conde (BNG), alcalde de Vilar de Barrio.

O banco pediu saber que subvencións ten concedidas o Concello. A secretaria informou: 50.000 de Agader e Augas de Galicia, os 200.000 do Obradoiro, 40.000 para as brigadas de incendios.

A segunda obriga ten a ver co cambio de luminarias. O IDAE (Instituto para la Diversificación Energética), do Estado, concedeu un préstamo de 120.000 euros, pero non garante que chegue antes dun ano. O Concello debe pagar a parte que se vai instalando. E pagará todo antes de que cheguen os cartos de Madrid. En Vilar de Barrio o Concello non volverá a recadar até abril, así que non hai diñeiro que alcance. A solución: ir o banco. 

A corporación acorda por unanimidade recorrer á banca para conseguir uns 455.000 que hai que adiantar. "Ese é o problema de todas as subvencións, axudas, etcétera", protesta o alcalde. Ese é o discurso do pleno. "Dannos axudas, pero hai que adiantar os cartos; e se non pagas antes de que cheguen as axudas, non chegan". Así que o funcionamento ordinario dun concello depende tanto do Estado como da banca. Iso en Vilar de Barrio téñeno claro todos: están sós. 

A corporación de Vilar de Barrio, no pleno deste venres. FOTO DdL (3)
Goberno e oposición lograron a unanimidade en todas as decisións.

E quizá por iso van todos a unha. Manuel Conde está convencido de que así ten que ser. E acreditan nel. A obsesión de todos os alcaldes dos pequenos e medianos concellos galegos é conseguir cartos. Cartos para facer o que lles gustaría facer (os saneamentos de Rebordechao, de Arnuíde, de Gomareite) e cartos para o que lles deixan facer (Camiño de Santiago).

Vilar de Barrio é un concello cheo de proxectos: a biblioteca, a reitoral de Barrio, o arquivo municipal, a renovación das infraestruturas eléctricas, da auga, pistas deportivas, concertos musicais (no Camiño). Mais nada depende deles.

Así que Manuel Conde aparece no pleno cunha chea de carpetas. Unhas trinta. Cada carpeta, un expediente para acceder a unha subvención. De todo tipo, desde promoción turística a emprego. Plans provinciais, autonómicos, estatais, mesmo europeos. Vilar de Barrio soña, por exemplo, con concorrer a unha axuda dos fondos Next Generation. Fáltalles o si de Sarreaus. A idea é ampliar a rede de infraestrutura de fibra óptica e telecomunicacións a conta de que o Camiño pasa polo termo municipal. Tamén encargaron unha memoria para concorrer a financiamento europeo para arranxar a Casa do Concello.

Vilar de Barrio é un concello cheo de proxectos: a biblioteca, a reitoral de Barrio, o arquivo municipal, a renovación das infraestruturas eléctricas, da auga, pistas deportivas, concertos musicais (no Camiño). Mais nada depende deles. E, mentres, tamén están sós diante da ameaza eólica. Calquera día a silueta do Macizo que enmarca o ceo da Limia aparece inzada de máquinas aeroxeradoras. Daquela haberá cartos, din os noruegueses. 

NOTICIAS A LIMIA | O pleno de Vilar de Barrio acorda pedir créditos por valor de...