miércoles. 08.05.2024

“Non se vai tocar nada. Todo continuará como está. Hai un malestar que non ten fundamento”, di Elvira Lama ao Diario do Limia este mércores, dous días despois de que os comerciantes da rúa San Roque manifestasen a súa oposición a calquera proxecto de peche da rúa ao tráfico de vehículos.


Na mesma liña que defendeu onte o conselleiro de Mobilidade, Ramón Gómez, a alcaldesa asegura que recibiu a protesta dos comerciantes con "certa sorpresa" e que o goberno local, cando fala de “humanizar”, “non fala de pechar ningunha rúa”


Considera Lama que a polémica xurdiu por unha mala interpretación do que é unha campaña municipal para concienciar á veciñanza de que "evitar as multas está na súa man, cumprindo a normativa". Iso aconteceu o pasado venres, nunha rolda de prensa na Casa do Concello, a alcaldesa asegurou que é intención do goberno local “eliminar o estacionamento do casco vello.

A alcaldesa pide pide “tranquilidade e asegura que está “aberta a escoitar.

“As rúas Lepanto e San Roque xa son peonís desde hai moitos anos. Non imos pechar ningunha rúa nin poñer novas sinais nin colocar bolardos... o tráfico seguirá igual. Aparcar puntualmente é unha cousa. Vai seguir habendo paso de vehículos e carga e descarga e posibilidade de aparcar. Pero o que non poden é estar os coches toda a mañá ou toda a tarde. Queremos que a xente se conciencie. Diso vai a campaña, explica Lama, ao tempo que recoñece que até hoxe "houbo certo consentimento" con esas prácticas, mirouse para outro lado”


Mais os comerciantes manteñen que non é a primeira vez que interpretan que o goberno ten a intención de peonalizar. Lembran que nunha reunión na Casa do Concello o ano pasado, Lama e o concelleiro de comercio, Manuel Pérez, aludiron a unha peonalización. Lama responde: Aquela reunión foi para tratar sobre os estragos que ocasiona no firme o tránsito de vehículos pesados, como o camión do lixo, o do vidro ou os de reparto”.


E repite: Humanizar non é pechar. Pódese poñer un banco ou unha xardineira e poder aparcar igual. Pero non vai haber aparcamento permanente. Iso é perigoso para os peóns e a seguridade dos peóns está por riba”.


As pancartas seguían aí esta tarde. O malestar, tamén. A alcaldesa advirte que ninguén se dirixiu ao Concello para falar disto e non é prato de bo gusto toparse con iso [as pancartas]”. Mais pide tranquilidade” e asegura que está aberta a escoitar”.

NOTICIAS A LIMIA | Elvira Lama asegura que “todo continuará como está” na rúa San Roque