lunes. 11.05.2026

O concelleiro de Obras, Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez, realizou unha rolda de supervisión en distintas rúas de Xinzo acompañado do inspector xefe da Policía Local, José Manuel Estévez, e de Óscar Pena, director de Algaria, co obxectivo de coñecer de primeira man as eivas de accesibilidade da vila e ordenar prioridades de actuación.

Durante o percorrido constatáronse desniveis, barreiras físicas, obstáculos e beirarrúas estreitas, así como discontinuidades que dificultan o tránsito das persoas. A visita puxo o foco na existencia de moitas dificultades na mobilidade cotiá, ás veces invisibilizadas, e na necesidade de resolvelas con solucións prácticas que melloren a continuidade dos percorridos, a seguridade e o confort da veciñanza.

Como exemplo de actuación solicitada, avanzaranse melloras no acceso á Moreira para facilitar a entrada e saída da afección cando acode apoiar nos encontros.

Segundo sinalou o concelleiro Ramón Gómez, esta supervisión "permítenos ver o que ve a veciñanza, ordenar prioridades e actuar con criterio e eficacia, sumando pequenos arranxos de alto impacto que melloran a vida diaria e reforzan a seguridade peonil".

A iniciativa enmárcase no plan municipal Xinzo Paso a Paso, co que o Concello avanza na recuperación de espazo para as persoas, na seguridade viaria e na mellora progresiva da accesibilidade no conxunto do municipio.

Algaria marca o camiño para priorizar melloras de accesibilidade en Xinzo