A Concellería de Deportes do Concello de Xinzo de Limia, en colaboración co EDC Xinzo, pon en marcha a Liga Limia Futsal 2025-2026, unha competición local que promete dinamizar as noites deportivas da vila.
O pavillón de deportes de Xinzo será o escenario desta liga, que se celebrará os luns, mércores e xoves a partir das 21:00 horas. Entre as novidades desta edición, destaca que será requisito imprescindible que todos os equipos estean formados por xogadores e xogadoras maiores de idade, buscando unha competición máis madura e equilibrada.
O prazo de inscrición xa está aberto, e as persoas interesadas poden formalizar a súa participación a través da ligazón aquí ou escaneando o código QR que aparece na imaxe promocional. As prazas son limitadas, polo que se recomenda non demorar a inscrición.
A Liga Limia Futsal aspira a consolidarse como unha cita deportiva de referencia en Xinzo de Limia, fomentando o deporte de base, a convivencia e a diversión entre veciños e veciñas.
