sábado. 27.04.2024

As piscinas exteriores de Xinzo de Limia non abriron as súas portas este venres, 1 de xullo, como estaba previsto. Esta mañá os traballos no firme ao redor do vaso continuaban. A empresa de formigón encargada da intervención aínda non entregou a obra.


Mentres as rapazas e rapaces do campus de baloncesto celebraban a última xornada nas pistas exteriores, nas piscinas tres operarios remataban as obras. Estarán, polo menos, até mañá sábado. O pasado día 20, despois de acompañar ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil nunha visita ao tramo urbano do río Limia, o concelleiro de Deportes, Rafael Penabad (PSOE) e o de Urbanismo e Mobilidade, Ramón Gómez (AXIL), explicaron ao Diario do Limia os plans do goberno.


Marcaron a data do 1 de xullo, e o remate das obras para dous días despois, o venres 17. Dúas semanas máis tarde, as obras continúan. Paráronse pola chuvia antes do San Xoán. E nesta semana tampouco deu tempo a rematalas. 


O Diario do Limia intentou este venres sen éxito obter do goberno local información sobre as novas previsións de apertura do recinto. Dado que serán precisos uns días para acondicionar o recinto unha vez conclúa esta fase dos traballos, incluída a limpeza da canalización na zona dos vestiarios, e que as augas do vaso deben pasar os controis preceptivos, non será posíbel que as piscinas abran durante a fin de semana nin os primeiros días da próxima semana. 


Para esta tarde, segundo puido confirmar o Diario do Limia, teñen prevista a súa apertura as piscinas municipais de Trasmiras e Vilar de Santos, mentres que en Porqueira, solucionados os problemas co pozo, o inicio da tempada será este próximo luns.


 

AVANCE | As piscinas en Xinzo non abriron este venres como estaba previsto nin o farán...