martes. 23.04.2024

O Concello de Xinzo de Limia organizará un acto institucional con motivo do Día Nacional de Galicia o próximo luns, 25 de xullo. O acto terá lugar ás 21 horas no Parque Galicia, no barrio do Polígono, e consistirá nunha ofrenda floral. 


Ademais, haberá unha actuación musical. Está previsto un recital a cargo do dúo 2naFronteira, composto por Carme Penim e Maurizio Polsinelli. Carme Penim é orixinaria do Couto Mixto e o dúo conta cun amplo repertorio de poemas musicados de diversas autoras e autores galegos. O espectáculo que presentarán leva por título: Cantares para Rosalía.


2naFronteira repetirá presenza en Xinzo cunha actuación o sábado seguinte, 30 de xullo, na Praza Maior. Nesa ocasión ofrecerán un espectáculo familiar: Vén que che canto un conto.

Cartel do acto institucional do 25 de xullo en Xinzo. IMAXE Concello de Xinzo de Limia
Cartel do acto institucional do 25 de xullo en Xinzo. | IMAXE: Concello de Xinzo de Limia.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia celebrará este sábado, 23 de xullo, unha festa previa ao Día da Patria que as nacionalistas festexan cunha manifestación o 25 de xullo en Compostela. Como parte da campaña da organización previa ao Día da Patria, a asemblea local de Xinzo convocou a militantes e simpatizantes a unha romaría o sábado pola mañá, a partir das 13:00 horas, no Mosteiro de Trandeiras.


A celebración, Romaría da Limia. Un encontro nacionalista, incluirá un xantar popular (prezo: 10 euros). Haberá empanadas, tortillas e carne asada. Tamén unha opción de menú vexetariano, e bica, café e licores. Haberá gaiteiros, e o BNG de Xinzo espera contar coa presencia do deputado provincial, Bernardo Varela, e outros membros da organización da comarca, ademais da militancia de Xinzo. 


Carlos Pérez, responsábel local do BNG, explica que a romaría é “un convite a todas aquelas persoas que queiran que Galiza teña un futuro mellor”. As nacionalistas veñen desenvolvendo desde a primavera unha campaña de visitas aos núcleos rurais de Xinzo. Esta fin de semana cambiarán o vermú dos domingos no rural pola romaría en Trandeiras previa ao 25.

AXENDA DO 25 DE XULLO | Acto institucional do Concello de Xinzo este luns ás 21 horas...