miércoles. 17.06.2026

BNG de Xinzo de Limia lamentou a actuación do Grupo de Goberno municipal en relación co proxecto do futuro auditorio, ao que cualificou como unha “trapallada”. A formación nacionalista considera que a presentación realizada evidencia unha falta de capacidade política para afrontar unha infraestrutura cultural relevante para o concello.

O voceiro nacionalista, Camilo Vila, asegurou que “mostrar traballos escolares como proxectos reais é unha acción propagandística de alto risco porque transmite a idea de que calquera cousa vale para este Grupo de Goberno”. Segundo indicou, a cuestión non afecta ao labor desenvolvido polo alumnado, senón ao uso político que se fai dese material.

Desde o Bloque Nacionalista Galego sinalan que resulta evidente a ausencia dun proxecto serio e planificado para unha infraestrutura cultural que consideran clave para Xinzo de Limia, e reclaman que calquera proposta parta das realidades sociais, culturais e económicas do municipio.

Na mesma liña, Vila apuntou que “os estudantes fixeron un traballo académico dentro da súa formación. O problema está en quen pretende presentar ese exercicio como a base dun equipamento público de grande importancia para Xinzo”.

A formación nacionalista tamén puxo o foco na colaboración co centro privado de estudos CESUGA, cuxo padroado, segundo indican, está integrado entre outras entidades por organizacións financeiras, inmobiliarias e construtoras. Para o BNG, esta situación “provoca que o Concello non teña as mans libres á hora de tomar determinadas decisións”.

Por último, o Bloque sostén que o anuncio realizado polo goberno local e a forma na que foi presentado constitúen un novo exemplo da dinámica da actual xestión municipal, baseada en “anuncios, parches e solucións provisionais que acaban converténdose en definitivas”.

O BNG critica a xestión do proxecto do auditorio e fala de “trapallada” | NOTICIAS XINZO