O BNG de Xinzo de Limia rexistrou, a través do seu voceiro municipal, Camilo Vila, unha moción para impulsar un proceso de participación e planificación que, segundo a formación, permita definir o futuro auditorio da vila.
A formación nacionalista sostén que unha infraestrutura desta importancia non debe comezar polo deseño do edificio, senón pola análise previa das necesidades culturais, dos usos previstos e da súa viabilidade funcional e económica. "Non se pode empezar a casa polo tellado. Antes de falar da forma do edificio hai que definir que actividades vai acoller, que necesidades debe cubrir e como se vai integrar na vida cultural de Xinzo e da comarca", explican desde o BNG.
Con este obxectivo, o BNG propón a creación dun Consello do Auditorio, un órgano consultivo e participativo que contaría coa representación dos distintos grupos políticos con presenza no Concello e dos principais axentes culturais do municipio. A moción reclama tamén a elaboración dun estudo de necesidades e viabilidade previo ao avance no proxecto arquitectónico, co fin de construír un consenso arredor do equipamento.
Segundo informa a formación, o Grupo Municipal do BNG iniciou xa unha rolda de contactos e reunións con distintos colectivos para coñecer as súas necesidades, propostas e expectativas respecto á futura instalación.
"No BNG consideramos que a planificación dun equipamento desta dimensión debe realizarse con criterios profesionais e cunha visión estratéxica a longo prazo", sinala o voceiro municipal, Camilo Vila. Nesa liña, a moción solicita o asesoramento do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia para a elaboración das bases dun concurso público de anteproxectos que, segundo o BNG, garanta a máxima calidade arquitectónica, funcional e urbanística.
"Estamos ante un dos proxectos máis importantes para o futuro de Xinzo. O auditorio debe responder ás necesidades reais da vila e da comarca e ser o resultado dun amplo consenso social e cultural. Primeiro hai que definir que equipamento necesitamos; despois virá o deseño do edificio", conclúen desde a formación nacionalista.
