sábado. 20.04.2024

Camilo Vila, o candidato do BNG á Alcaldía de Xinzo, chega á política institucional con certas actitudes aprendidas no eido asociativo: confianza no traballo por riba dos recursos materiais, constancia e prudencia. Confesa que non ten redes sociais, nin as quere. Gaba a xestión “sen alardes” de Ramiro Rodríguez na Concellería de Cultura, e non ten complexos á hora de situar ao Bloque no pelotón de cabeza da carreira electoral en Xinzo á par do PP, do PSOE e de AXIL. “As forzas están moi igualadas”, afirma. 


Que opina do escarmento dado pola Intervención ao goberno local de Xinzo do que o BNG fai parte?
Primeiro teño que dicir que a Intervención fixo o seu traballo, e que na xestión municipal o habitual é convivir con este tipo de advertencias porque os orzamentos son unha estimación de gasto e ás veces hai gastos non previstos. Dito isto, non vexo interese ningún en facer unha incorrecta administración dos fondos. 

Mais o BNG vese sinalado polo gasto de Cultura?
Non é un reparo á xestión da Concellería de Cultura. En todo caso, estamos diante dunha advertencia á de Facenda. O traballo que se está facendo desde o departamento que dirixe Ramiro Rodríguez é impecábel. E sen alardes. Aí está o impulso á investigación do Castelo da Pena ou a organización do Entroido deste ano. Iso foi un exemplo de xestión: recuperouse o Entroido e a festa foi un éxito cunha planificación intelixente e nunhas condicións, as sanitarias, moi cambiantes. E por vez primeira os Entroidos de Laza, Verín e Xinzo coordináronse. Se falamos de xestión seria, aí ten o exemplo. E, insisto, sen alardes.

Como valora o BNG o papel desenvolvido por Ramiro Rodríguez como parte do goberno?
Acabo de lle poñer dous exemplos, hai máis. Pero cando digo que se traballou sen alardes, tamén me refiro a que Ramiro Rodríguez foi un elemento de cohesión da coalición. Nunca foi un problema, e axudou sempre cando xurdiron. E iso, que non se ve, é un valor que achegou o BNG a este goberno.

“O traballo que se está facendo desde o departamento que dirixe Ramiro Rodríguez é impecábel. E sen alardes. O Entroido foi un exemplo de xestión cunha planificación intelixente e nunhas condicións, as sanitarias, moi cambiantes”.

Daquela, por que se produce o relevo no liderado?
Somos unha organización que funciona en base a equipos, non a individualidades. Ramiro segue facendo parte do proxecto. Participou en todo o proceso de renovación e continuará participando en todo o traballo da organización de cara as eleccións. 

Como chega vostede a asumir a candidatura a alcalde?
Estamos nun contexto novo, hai un BNG emerxente, con oportunidade de gobernar en concellos e na Xunta. O BNG medra e gaña forza, hai máis enerxía. E nese contexto danse procesos de construción de alternativas ao que se viña facendo. Eu formo parte desa construción en Xinzo. Até hai apenas uns meses non militaba no Bloque. Regresei á Limia o pasado outono. Viña de facer política en movementos asociativos, de facer comunidade desde a política, e topeime cun grupo de xente na organización...

Alba Feixóo, Lucía Novoa, Carlos Pérez... serán eles os que o acompañen na lista?
Non estamos no momento de falar de listas electorais nin de lle pór nomes. Estamos traballando en equipo. Está funcionando un comité para planificar o que se fará nos próximos meses, ese comité renderá contas á asemblea, e nese comité hai xente significada no BNG e xente de fóra do BNG. Esa é a dinámica que levaremos de aquí ás eleccións.  

Camilo Vila candidato BNG Xinzo entrevista (5) (FILEminimizer)
Camilo Vila naceu en Boado (Xinzo de Limia) no ano 1985.

“Non estamos no momento de falar de listas electorais nin de lle pór nomes. Estamos traballando en equipo”. 

Vén vostede do movemento de centros sociais do país despois de pasar por Compostela e A Coruña, e tamén aquí en Xinzo. Que aprendeu desas experiencias e tamén da máis recente no CDR O Viso?
O que máis interiorizado teño do traballo nos centros sociais é como facer as cousas sen cartos ou con moi poucos cartos. Aprendín que se poden facer cousas, dinamizar á cultura, por exemplo, conseguindo a implicación da xente, non simplemente ofrecéndolles un produto cultural, o que sexa, listo para consumir... É un xeito de democratizar a cultura. Tamén outra cousa importante: aprendín a defender o que é xusto para quen representas.

E no Viso?
O CDR O Viso é unha gran organización. E todo, todo, todo o que fai é traballo para a xente. E para facer iso entenderá que ten que ser unha organización moi operativa, transparente e saneada. 

Con que expectativas arranca o BNG esta longa campaña electoral?
Penso que é a primeira vez na historia de Xinzo que o BNG estará competindo cara a cara con calquera dos partidos, incluído o PP.

“O que máis interiorizado teño do traballo nos centros sociais é como facer as cousas sen cartos ou con moi poucos cartos. Tamén outra cousa importante: aprendín a defender o que é xusto para quen representas”.

Fala do PP, do PSOE, de AXIL...?
Eses tres e o BNG. Pensamos que estamos nunha situación na que, por factores diversos, entre eles, o crecemento do Bloque, as forzas están moi igualadas. Aspiramos a alcanzar tres actas na próxima corporación, pero traballaremos polo máximo, por suposto. 

Ramiro Rodríguez era partidario de reeditar o pacto deste mandato. E vostede?
Comparto con Ramiro Rodríguez unha valoración global positiva deste goberno de coalición. Mais queda moito até chegar a pensar niso, entre outras cousas, unhas eleccións que porán a cada quen no seu sitio.

Preocúpalle que Amador Díaz non peche a porta a un pacto co PP?
O que diga ou pense Amador Díaz neste momento é cousa del e do seu partido. Non, non me preocupa.

Camilo Vila candidato BNG Xinzo entrevista (4) (FILEminimizer)
Camilo Vila, durante a entrevista onte no Xpazo.

Os candidatos empezan a debuxar o seu Xinzo futuro. Cales serían os primeiros trazos do seu?
Xa lle digo que as propostas e o programa estase empezando a traballar en grupo dentro da organización. Iso si, persoalmente, en liñas xerais, quixera un Xinzo que sabe cara onde mira, que ten obxectivos claros e coñecidos. 

Hai un elefante na Limia ao que a maioría dos partidos lle dan as costas: o problema da contaminación das augas. Que pensa que se debería facer ao respecto?
O primeiro que teño que dicir é que nós, o BNG, non lle dá as costas a ese problema. Fai parte das nosas preocupacións. E estamos a dar respostas desde o Parlamento galego... porque a que non está a dar as respostas que se precisan é a Xunta de Galicia. Cada día que pasa o problema agrávase. E non é cuestión de buscar responsabilidades, que a maior parte delas serían da Xunta; é cuestión de buscar solucións, e iso é o que non quere pór enriba da mesa a Xunta.

Pola súa traxectoria persoal e laboral, terá vostede unha especial sensibilidade para os asuntos que competen aos servizos sociais e ao deporte?
É certo que teño certa experiencia neses ámbitos, e si, hai cousas que creo que se poden facer mellor e cunha visión máis ampla e xenerosa. Mais xa lle digo, as propostas concretas chegarán despois dese traballo en equipo e de falar con moita, moitísima xente... andamos xa niso.

ENTREVISTA | “As forzas están moi igualadas”