O campamento galaico-romano xa se prepara para a XXVI Festa do Esquecemento | NOTICIAS XINZO
Xinzo de Limia entra esta semana na recta final dos preparativos da XXVI Festa do Esquecemento, que se celebrará os días 21, 22 e 23 de agosto. O campamento galaico-romano xa comeza a tomar forma e os traballos continuarán durante estes días para deixar o recinto preparado ante a chegada de milleiros de visitantes.
A cita está organizada pola Asociación Cultural Civitas Limicorum e o Concello de Xinzo de Limia, co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia. A edición deste ano contará con máis de 50 actividades gratuítas, 54 grupos participantes, 13 tropas estranxeiras e 12 grupos musicais.
O público familiar continúa como un dos principais destinatarios da programación, con actividades pensadas para diferentes idades e propostas que permitirán a participación de familias ao longo da fin de semana.
Nos días previos á celebración, o Concello de Xinzo de Limia está a desenvolver os traballos relacionados coa loxística e as infraestruturas, ao tempo que prepara os dispositivos de limpeza e seguridade necesarios para o desenvolvemento da festa.
A celebración está considerada un dos principais motores culturais e económicos do verán na comarca da Limia, pola capacidade de convocatoria da cita e pola chegada de visitantes durante os tres días de programación.
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, sinalou que «xa se nota o ambiente. Ver o campamento montándose é o sinal de que a festa está aquí». O rexedor tamén animou á veciñanza «a vivila desde o primeiro día e a recibir como merecen aos milleiros de persoas que nos visitan».