sábado. 20.06.2026

xornalista limiao Luís Álvarez Pousa, nado en Viladerrei en 1948 e actual director da revista Tempos Novos, será o encargado de presidir o xurado do III Certame Literario Antón Tovar, segundo vén de confirmar a Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, entidade organizadora da convocatoria.

O xurado desta edición estará integrado, como en ocasións anteriores, por persoas vinculadas ao ámbito cultural da comarca da Limia. Xunto a Álvarez Pousa, exercerá como secretario Xoán Jardón Nogueiras, oficial do Rexistro de Xinzo e tamén secretario da Xunta Directiva do Padroado. O tribunal completarase con tres vogais: a docente, poeta e concertista Carmen Penim, o profesor e escritor Cándido Paniagua e Mirian Opazo, graduada en Belas Artes, investigadora e cineasta.

O calendario do certame establece que o prazo de presentación das obras rematará o 20 de maio, mentres que o fallo do xurado se dará a coñecer o 13 de xuño. A entrega do premio terá lugar o 20 de xuño nun acto público que se celebrará no Museo da Limia.

O premio conta co patrocinio de Bienestar Hoteles y Resorts SL e da propia revista Tempos Novos, e inclúe unha dotación económica de 600 euros, ademais da publicación da obra gañadora na citada revista.

Desde a organización destácase que a convocatoria busca poñer en valor o legado de Antón Tovar, autor ourensán cuxa obra poética e narrativa mantén plena vixencia, caracterizada pola súa autenticidade e calidade literaria. O certame pretende así estimular a creación e reforzar o recoñecemento da súa figura na sociedade galega.

O Certame Antón Tovar 2026 contará con Luís Álvarez Pousa á fronte do xurado | NOTICIAS...